Recepción no Concello a un grupo de profesores de automoción dun proxecto Erasmus
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu este martes na Casa Consistorial a un grupo de profesores de Turquía, Polonia, Italia e España que están levando a cabo un proxecto conxunto, promovido pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA), dentro do marco educativo europeo Erasmus Plus.
A súa visita a Lugo coincidiu coa celebración dun concurso de robótica entre os alumnos dos centros dos profesores participantes no proxecto e os alumnos do CIFP Politécnico da cidade. O certame celebrase baixo o título "Uso dun simulador para programación en robótica" e ten como obxectivo achegar aos estudantes á robótica industrial.
Mendez subliñou que “o sector da automoción atópase en auxe na cidade de Lugo, grazas á ampla oferta formativa e calidade das titulacións que se imparten, principalmente no CIFP Politécnico e no CIFP As Mercedes, entre as que se atopan ciclos medios e superiores de Mecanizado, Automatización e robótica industrial, Fabricación mecánica, Mantemento de vehículos, Carrozaría, ou Electromecánica, entre outros”.
“Son títulos cunha ampla demanda de traballadores e cun elevado grao de excelencia, o que quixemos por de manifesto en eventos organizados polo Concello como o Tour Talento, no que o rei Felipe VI puido coñecer de primeira man proxectos levados a cabo polo alumnado lucense destes centros”, lembrou a rexedora.