Reciben no Concello ao alumnado adulto estranxeiro do EPAPU de Albeiros

LugoXa
Os alumnos e alumnas amosaron o seu interese por aprender o galego e coñecer máis sobre a cultura local
alumnos-estranxeiro-epapu-albeiros
14 Jan 2025

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e os concelleiros do goberno municipal Maite Ferreiro e Alexandre Penas, recibiron na Casa Consistorial a parte do alumnado do Centro Público de Educación Permanente de Adultos de Albeiros (EPAPU), procedente de diversos países como Mongolia, Kenia ou Brasil, entre outros.

Durante a recepción, os edís deron a benvida ao grupo e aproveitaron a ocasión para falarlles sobre a rica historia da cidade de Lugo, destacando a súa Muralla Romana, Patrimonio da Humanidade, e outros elementos emblemáticos do patrimonio local. Así mesmo, expuxeron a ampla oferta cultural que Lugo ofrece, desde as salas museísticas ata a programación para todas as idades ofertada nos auditorios Gustavo Freire e Fuxan os Ventos.

O alumnado internacional afincado na cidade tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións da Casa Consistorial, onde se lles explicou o funcionamento do goberno municipal e a importancia do traballo institucional no desenvolvemento da cidade.

Na visita, os alumnos e alumnas expresaron o seu interese por aprender o galego e coñecer máis sobre a cultura local, resaltando a súa vontade de integrarse activamente na comunidade lucense. Neste sentido, abordouse a posibilidade de abrir futuras vías de colaboración a través da Casa das Linguas para facilitar a formación en galego, reforzando así o compromiso do goberno coa promoción e integración da lingua.

Rubén Arroxo destacou a importancia de iniciativas coma esta para fortalecer os lazos entre culturas e promover o seu intercambio. “Recibir xente de países tan diversos é unha oportunidade para compartir experiencias, dar a coñecer o noso patrimonio e aprender tamén das súas culturas, contribuíndo ao desenvolvemento dunha cidade máis inclusiva, dinámica e conectada co mundo”, destacou o tenente alcalde.

0.16790795326233