Reclaman a instalación de biondas ou varandas na LU-P-1409, á altura de Cervantes

LugoXa
Buscan garantir a seguridade xa que hai caídas de varias decenas de metros
seguridade-estrada-cervantes
15 Jan 2025

Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide e Jesús Núñez, xunto ao voceiro do PP de Cervantes, Óscar Fernández, e concelleiros comprobaron o estado de varias estradas provinciais ao seu paso por este concello e viron como “PSOE e BNG seguen mirando cara outro lado neste asunto, xa que hai estradas que presentan moitas deficiencias e son perigosas”.

Un exemplo é a estrada LU-P1409, unha vía que comunica Quindous con Robledo e que ao longo dos seus máis de 12 quilómetros de lonxitude presenta numerosos puntos perigosos xa que hai moitas localizacións nas que non hai ningún tipo de elemento de seguridade ou bionda que eviten caídas de varias decenas de metros. “Non hai ningunha bionda, varanda ou calquera elemento que impida que calquera vehículo caia polo talude con terribles consecuencias”, lamentaron.

O voceiro popular, Antonio Ameijde, explica que circular por esta estrada é moi perigoso xa que “calquera tipo de accidente leva a un vehículo a caer por un destes ribazos con consecuencias terribles”. “A realidade é que hai moitos veciños que teñen medo e, se poden, buscar camiños alternativos xa que non queren arriscarse a calquera accidente mentres PSOE e BNG non toman ningún tipo de medida”, sinalou.

Unha situación de abandono que contrasta co acordo tomado hai máis dun ano entre a Deputación de Lugo e o Concello de Cervantes para adquirir o castelo de Doiras dando un beneficio neto de 700.000 euros a unha fundación controlada por un alto cargo socialista. “Non dicimos que non sexa un bo investimento a adquisición deste castelo, pero seguramente sería moito máis proveitoso que eses cartos se destinasen á mellora e mantemento da rede viaria provincial ao seu paso por Cervantes”, sinalou.

0.097218036651611