Reclaman a instalación de quitamedos na estrada da Fonsagrada a Ribeira de Piquín
O PP presentará unha iniciativa na Deputación de Lugo para solicitar a instalación "urxente" de quitamedos na estrada LU-P-1906, de A Fonsagrada a Ribeira de Piquín, co fin de "mellorar a seguridade ata a execución das obras que veñen reclamando os veciños".
Trátase dunha vía duns 13 quilómetros, "con moitas curvas e estreita", e na que non hai barreiras quitamedos. A estrada rexistra un alto volume de tráfico e dá acceso a varios núcleos de poboación dos municipios da Fonsagrada e Ribeira de Piquín. "Por esta vía pasan autobuses, vehículos pesados e un alto número de turismos, xa que ademais dá acceso á comarca da Montaña e facilita o enlace coa Mariña, a estrada de Meira e Vilalba. É unha estrada de alta montaña, que se ve moi afectada durante o inverno, e preocúpanos a súa perigosidade xeral, especialmente pola falta de quitamedos”, explica o voceiro do grupo provincial popular, Javier Castiñeira.
O popular lembra que "o presidente da Deputación xa dixo en máis dunha ocasión que non pensa dar máis ancho ás estradas provinciais. Un exemplo da necesidade de ampliar algunhas estradas é a que vai de A Fonsagrada a Navia, e só foi ampliado o ancho en catro quilómetros en cada unha das cabeceiras, quedando discriminados os núcleos de poboación do centro, que son pobos que teñen os mesmos dereitos que os demais".
O grupo provincial do PP presentará unha iniciativa na Deputación para que se mellore a seguridade na estrada LU-P-1906 . "As queixas dos veciños son absolutamente razoables e motivadas e queremos que as obras de reparación se acometan de inmediato", din.