Reclaman a reparación urxente dunha marquesiña en Avenida de Magoi

LugoXa
A estrutura atópase en estado ruinoso e supón un perigo para viandantes e usuarios do bus
marquesina-avenida-de-Magoi-Lugo
27 Sep 2025

A Federación de Asociacións de Veciños da provincia de Lugo Lucus Augusti, xunto coa Asociación de Veciños Terras de Magoi e Fingoi, fixo público o seu malestar polo estado dunha marquesiña de autobús situada na Avenida de Magoi. Segundo denuncian, a estrutura presenta un deterioro evidente que implica un risco tanto para as persoas que transitan pola zona como para quen agarda polo transporte público.

Numerosos residentes teñen trasladado as súas queixas, xa que non poden empregar a marquesiña para se resgardar mentres esperan o bus. A preocupación aumenta coa chegada do inverno, cando as condicións meteorolóxicas adversas fan máis necesario contar con espazos seguros e accesibles.

Ante esta situación, tanto a Federación como a asociación veciñal instan á Concellería de Mobilidade do Concello de Lugo a acometer canto antes as tarefas de reparación, co obxectivo de evitar que o problema derive en maiores complicacións para a cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.10990500450134