Reclaman á Xunta en Lugo a recuperación da Casa da Torre adosada á Muralla

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, instou á Xunta de Galicia a comezar dunha vez por todas a recuperación da Casa da Torre, no barrio da Tinería, cando se vén de cumprir nove meses da concesión da licenza urbanística por parte do Concello de Lugo á administración autonómica. Neste sentido, o rexedor municipal lembrou que dita licenza concedeuse o 2 de outubro pasado, despois de agardar preto dun ano a que a Xunta de Galicia subsanase parte da documentación presentada. A este respecto comentou que “despois de todo estes meses transcorridos, semella que o que de verdade falta é vontade política de comezar a rehabilitación deste inmoble emblemático, propiedade do goberno galego, que leva anos en estado de ruína”.
Miguel Fernández tamén explicou que “esta non é nin moito menos a primeira vez que requirimos á Xunta de Galicia maior dilixencia e celeridade con este proxecto. O pasado 13 de marzo, na visita da Conselleira de Vivenda para anunciar o concurso de ideas para o Pazo de Dona Urraca, lembramos a necesidade de iniciar a recuperación da Casa da Torre”.
O antigo Hospital de San Miguel, propiedade da Xunta de Galicia e abandonado durante anos, contempla varios usos, entre os que se barallou a posibilidade de que sexa destinado a sede da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, APEHL, e tamén como oficina de turismo. En calquera caso, Miguel Fernández chama a atención sobre a “importancia da súa rehabilitación e pon en valor o traballo dos técnicos municipais para sacar adiante este proxecto e avanzar no desenvolvemento urbanístico da zona”. Neste sentido, o alcalde lembrou que o Goberno Local validou no seu momento o estudio de detalle que a Xunta de Galicia tivo que modificar para adecuarse ao PEPRI e respectar ao máximo a conservación dos seus elementos orixinarios, propios da súa tipoloxía medieval. Así, Miguel Fernández gabou o traballo dos técnicos municipais que colaboraron coa Administración galega “para modificar o documento e o proxecto de obra, en lugar de iniciar un novo expediente, o que houbera alongado aínda máis o comezo das obras de rehabilitación”.
Respecto ao aspecto turístico do enclave no que se atopa a Casa da Torre, o rexedor municipal lembra que a Porta Miñá, de orixe romana e a que se conserva con menos modificacións, é o punto onde conflúen dous patrimonios da humanidade, como son a propia Muralla e o Camiño de Santiago, na variante da ruta Primitiva. “Desde o Concello de Lugo se fixo un esforzo para impulsar a reforma da praza do Carme, cunhas obras de humanización e peonalización de toda a súa contorna, en case tres quilómetros, como parte da estratexia municipal DUSI Miramiñae e para poñer en valor á entrada ao centro histórico da cidade por esta porta. Coa recuperación da Casa da Torre mel