Reclaman máis prevención e responsabilidade na loita contra os incendios forestais

LugoXa
As entidades amosan a súa solidariedade cos afectados e critican a precariedade dos medios de extinción, reclamando unha planificación a longo prazo
incendio-laurouco
21 Aug 2025

Galicia Baleira e a Federación Veciñal Lucus Augusti fixeron público un comunicado no que expresan a súa solidariedade cos afectados polos incendios forestais que nos últimos días arrasaron Galicia e outras zonas do Estado, lembrando especialmente ás familias que sufriron perdas humanas, danos materiais ou na súa forma de vida.

As entidades tamén puxeron o foco na destrución de paisaxes únicas, a perda de biodiversidade e a morte de fauna silvestre e doméstica, cualificando estas consecuencias como un dano irreparable para o patrimonio natural.

Do mesmo xeito, recoñeceron o esforzo dos profesionais, voluntarios e colaboradores que cada verán se enfrontan a condicións extremas e denunciaron que sofren xornadas interminables, horas extra sen remunerar, inseguridade xurídica e dietas insuficientes. Consideran “inxusto e intolerable” que se trate así a quen arrisca a vida para protexer á poboación.

As organizacións tamén condenaron con firmeza a acción dos incendiarios, aos que atribúen boa parte das traxedias que se repiten ano tras ano, e reclamaron reforzar os dispositivos de vixilancia para identificar e deter aos responsables. Recordaron que as competencias en prevención e extinción corresponden á Xunta de Galicia, e advertiron contra a tentación de derivar a responsabilidade ao Estado.

No comunicado, salientaron a importancia da prevención como ferramenta máis eficaz e rendible que a extinción, denunciando que só o 40% do gasto se destina a esta partida. Apostan por tratamentos silvícolas, rozas, pastoreo e medidas que reduzan a carga de combustible, vinculando a falta de prevención co abandono do rural e a ausencia de servizos básicos. Para frear esta situación, reclaman políticas que fagan rendible e atractiva a vida no campo, promovendo usos produtivos do monte máis alá da madeira, como a gandería extensiva, a recollida de resina, cogomelos ou herbas medicinais.

As entidades tamén propoñen a creación de brigadas locais de intervención rápida, operativas todo o ano e coordinadas pola Xunta, que poderían resultar máis eficaces que algúns medios aéreos pola súa proximidade ao terreo e o coñecemento das vías de acceso. Ademais, demandan unha ordenación racional do territorio baseada en criterios técnicos forestais que compatibilice conservación, produción e sostibilidade.

Finalmente, Galicia Baleira e a Federación Lucus Augusti solicitaron axudas directas para as vítimas, ás que cualificaron como tales “pola mala xestión” da administración autonómica. En conxunto, esixen responsabilidade, transparencia e unha planificación a longo prazo para poñer fin a un drama que cada verán ameaza a biodiversidade galega, o territorio e a vida das persoas.

⚙ Configurar cookies
0.18590998649597