Reclaman medidas urxentes para mellorar a seguridade viaria na rúa San Roque de Lugo

A Asociación de Veciños Roque-Santo, integrada na Federación de Asociacións Veciñais da Provincia de Lugo “Lucus Augusti”, dirixiuse formalmente á concellaría de Vías e Obras do Concello de Lugo para demandar unha intervención inmediata en materia de seguridade viaria na rúa San Roque.
En nome propio e tamén en representación dos residentes da zona, a entidade veciñal pide a instalación de medidas concretas en varios pasos de peóns desta rúa, unha das máis transitadas da cidade.
Entre as actuacións solicitadas destaca a colocación dun paso de peóns elevado á altura do cruzamento coa rúa Montirón, un punto de elevada densidade de tráfico e tránsito peonil. Segundo a asociación, esta infraestrutura permitiría aumentar a seguridade dos viandantes e obrigaría aos condutores a reducir a velocidade dos seus vehículos.
Ademais, reclaman a instalación de sinalización luminosa e elementos para a redución da velocidade —como bandas sonoras ou limitadores visuais— no paso de peóns situado no entronque da rúa San Roque coas rúas Pena do Rei e Mariña Española.
A entidade lembra que nesta zona xa se rexistraron varios accidentes e considera que estas medidas poderían evitar novos sinistros nun espazo que concentra unha elevada circulación de vehículos e persoas.