Reclaman melloras en rúas do barrio da Cheda, en Lugo
A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo vén de remitir un escrito ao Concello de Lugo para reclamar a execución de diversas melloras nas rúas do barrio da Cheda.
No escrito, que dirixen á concellería de Infraestruturas, os representantes veciñais quéixanse de que na rúa Río Mandeo faltan beirarrúas e conta cunha mala iluminación. As mesmas deficiencias atopan na rúa Pousadela que ademais, din, remata nun camiño sen urbanizar. Das rúas Río Eume e Río Landro alegan que teñen un alumeado deficiente e só nunha das marxes. A rúa Río Masma, segundo explican, só ten beirarrúas nun lado e a iluminación está obsoleta, e a rúa Río Sar está sen urbanizar. Engaden que o cruce coa rúa Río Asma, un acceso ao estadio Anxo Carro, é un camiño sen asfaltar.
Ante estas deficiencias, a federación veciñal considera á Cheda un "barrio esquecido" para o Concello de Lugo, e por iso reclámanlle ao goberno local que nos orzamentos municipais deste ano contemple actuacións para a mellora das rúas desa zona.