Reclaman no Senado o arranxo da A-6 entre Lugo e León
Os senadores do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela, esixen a rehabilitación do firme da autovía A-6 entre os puntos quilométricos 407 e 480, no tramo entre as provincias de Lugo e León. Os representantes do Partido Popular na Cámara Alta preguntan ao Ministerio de Transportes cando ten prensado licitar esta obra que fora aprobada por unanimidade no Congreso fai catro anos e que, “a día de hoxe, aínda non ten data de licitación”.
Os populares sinalan que “os problemas desta vía veñen afectando aos vehículos desde fai anos, pero agraváronse nos últimos tempos debido ás intensas chuvias”. O mal estado da autovía afecta especialmente ao tramo entre os quilómetros 464 (Neira de Rei, en Baralla) e o 455 (O Cereixal, en Becerreá), que está repleto de mananciais que contribúen a desgastar o pavimento.
Ante a "falta de actuacións previstas de forma inminente" entre estes puntos, os senadores do PP preguntan polas propostas do Ministerio de Transportes para garantir a seguridade dos vehículos que circulan por este treito da A-6.
TÚNEL DE NEIRA DE REI
Os senadores do PP engaden tamén que “xa fai tempo que é imposible circular a 120 km/h por algún dos carrís da autovía” e, na actualidade, debido ás intensas choivas dos meses de xaneiro e febreiro, “o firme do trazado entre o túnel de Neira de Rei e a saída a Baralla e Baleira está absolutamente impracticable para o tránsito de vehículos” debido aos “enormes baches que cruzan a calzada dende un arcén ata o outro en ambas direccións”.
Os populares advirten de que se o Goberno non se compromete a licitar de forma inmediata a reparación da vía entre os puntos quilométricos 407 e 480, as actuacións que a Dirección General de Carreteras prevé sobre as grandes fochancas para cando melloren as condicións climatolóxicas, “só serán un parche máis”.