Reclaman o amaño da avenida Filarmónica Lucense

LugoXa
O tenente alcalde e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas mantiveron un encontro con representantes das directivas das escolas de Relacións Laborais e Enfermaría e da Facultade de Humanidades
reunión-avenida-Filarmónica-Lucense
27 Xuño 2024

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantiveron un encontro con representantes das directivas das escolas de Relacións Laborais e Enfermaría e da Facultade de Humanidades, que trasladaron ao Concello unha solicitude reclamando o amaño da Avenida Filarmónica Lucense e a solución de distintas eivas neste vial para garantir a seguridade da veciñanza.

Penas trasladou o seu apoio á reclamación da comunidade universitaria, e afirmou que "traballaremos para coordinar os traballos coa á área de Vías e Obras da Deputación de Lugo e poder realizar as intervencións precisas para solucionar os problemas de seguridade viaria o antes posible". Entre as solicitudes que recibiu o Goberno de Lugo por parte da comunidade universitaria, destaca a mellora da seguridade peonil na avenida Filarmónica Lucense, solicitando elementos de calmado de tráfico e a renovación da sinalización horizontal.

"Isto vai na liña do traballo que realizamos desde a Área de Mobilidade en distintos puntos da cidade, dentro do plan de calmado de tráfico que levamos executando varios anos". A área de Mobilidade valora necesaria tamén a creación dun novo paso de peóns elevado nas proximidades da unión desta rúa coa avenida Alfonso X para crear un itinerario máis seguro e accesible na unión co paso elevado da N-VI.

Tanto a avenida Filarmónica Lucense como a rúa Benigno Ledo dependen da Deputación de Lugo, polo que se fai necesaria a colaboración entre ambas administracións para que os traballos realizados pola Deputación "sigan a liña do xa feito desde o Concello avanzando na Mobilidade cun tráfico calmado e segura para os peóns e os diversos medios de transporte", explicou Alexandre Penas, que engadiu "seguiremos traballando na colaboración institucional para que a Deputación teña en conta esta solicitude e planifique un traballo moi necesario para esta zona da cidade".

 

0.17757797241211