Reclaman o amaño da estrada entre Friol e Narla

TerraChaXa | LugoXa
O Partido Popular explica que unha das vías que se atopa en moi mal estado é a que enlaza Friol con Narla (LU-P 2106 ), no Concello de Friol.
estrada friol a narla partido popular friol
1 Mar 2021

"O pésimo estado no que se atopan moitas das estradas que dependen da Deputación é motivo de numerosas queixas veciñais en toda a provincia de Lugo", aseguran dende o Partido Popular que explica que unha das vías que se atopa en moi mal estado é a que enlaza Friol con Narla (LU-P 2106 ), no Concello de Friol. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, visitou esta estrada, acompañado polo alcalde, José Ángel Santos, e recolleu as queixas dos veciños, "que din que se senten marxinados pola Deputación".

Castiñeira recorda que o presidente da Deputación, José Tomé, é, ao mesmo tempo, o delegado para Vías e Obras. O portavoz popular sinala: “Está claro que Tomé equivocouse co seu delegado de Vías é Obras, porque, ademais de non facer ben o seu traballo, o delegado ten moi pouca delicadeza cos alcaldes da provincia: acúsaos de maniobreiros por defender aos seus veciños e inventa películas e conspiracións patéticas para xustificar a súa incompetencia, como pasou en Carballedo”.

Castiñeira sinala: “O delegado de Vías e Obras do señor Tomé, que é o mesmo señor Tomé, ademais é sectario no trato cos lucenses, e preocúpanos especialmente o trato discriminatorio cos concellos pequenos. É o mesmo delegado de Tomé que no pleno da corporación provincial afirmou que non habería máis ampliacións de estradas no rural, porque, segundo dixo, cada vez hai menos xente; é o mesmo que aseveraba que, se valeron antes, valerán agora; é o delegado que decide que estradas se arranxan baixo criterios políticos, de amizade ou simpatía”.

Os populares din que “mentres nuns concellos a Deputación aglomera en quente quilómetros e quilómetros de estradas provinciais e empresta dia si e día tamén a maquinaria do parque móbil, hai outros concellos máis humildes totalmente abandonados, que non ven as máquinas de cores  azul e gules dende hai anos e nos que apenas se fan traballos menores de mantemento”.

Castiñeira explica: “Hoxe visitamos a estrada que vai de Friol a Narla, unha vía da que os veciños din que circular por ela é unha odisea, debido aos numerosos e grandes fochancas que ten e ao perigo que teñen as cunetas. Comprobamos o mal estado desta estrada  provincial co alcalde José Ángel Santos e varios veciños, preocupados pola seguridade de todos os que circulan por esta vía rural que une Friol e Begonte, de case 10 quilómetros”.

O portavoz popular afirma que son moitos os lucenses “cansos de que o bipartito  provincial se acomode dando desculpas, sendo moi recorrente botarlle a culpa ao mal tempo e á grande cantidade de quilómetros da rede provincial”. Engade: “Está claro que a Tomé gústalle falar nos plenos das estradas provinciais, auto flaxélase e  incluso vémolo disfrutar cando chegan mocións con queixas de veciños, como en Carballedo, en Paradela ou mesmo en Outeiro de Rei”.

Castiñeira anuncia “dende Friol que, moi a pesar do Partido Popular, no próximo pleno de marzo imos seguir alimentando o ego do delegado de Vías e Obras e as estradas seguirán sendo protagonistas negativas do debate plenario”. Os populares, sinala Castiñeira, “ levaremos ao pleno unha iniciativa, a petición dos veciños de Friol, para que se arranxe esta estrada, a LU-P 2106, de Friol a Narla, que está nun estado terceiromundista e necesita un arranxo integral o antes posible”.

0.16503810882568