Reclaman o arranxo da paxareira do parque de Rosalía de Lugo
O Concello de Lugo realizou, o pasado ano, un lavado de cara ao parque Rosalía de Castro. Así o lembran dende o Partido Popular, que advertiron que esa limpeza puntual “non cubre todas as necesidades desta zona verde”. Entre outras cousas, os populares reclaman melloras na antiga paxareira do parque.
O PP lucense asegurou que o estado deste edificio “é peor” que fai un ano “sen que ao goberno local lle importe o máis mínimo”. Unha situación de “abandono” ante a que os concelleiros populares sinalan que é preciso realizar os arranxos necesarios e, para evitar este deterioro, buscar algún uso para este edificio xa que “é unha boa instalación que ten unha boa localización”.
Unha dotación sobre a que os populares xa propuxeron no pasado un posible uso, ao que se negou o goberno local. Os concelleiros populares pediron, no seu momento, que o concello asinase un convenio coa asociación galega de animais exóticos, como se solicitaba dende esa asociación, para que na cidade houbera un lugar para cidade que sirva de lugar de recollida para reubicar os animais nun novo fogar ante o aumento do abandono deste tipo de animais.
“Mentres tanto, este edificio segue abandonado, deixando unha imaxe moi triste, con cristais rotos e material roto e tirado polo chan no interior”, conclúen os populares.