Reclaman unha mellora urxente do alumeado na rúa San Roque de Lugo

A Asociación de Veciños Roque-Santo de Lugo denuncia o deficiente estado do alumeado na rúa San Roque, unha situación que, segundo indican, xera unha sensación constante de inseguridade entre os residentes e comerciantes da zona.
Nun comunicado remitido á Concellería de Vías, Obras e Alumeado do Concello de Lugo, o colectivo veciñal expón que a escasa iluminación desta vía prexudica a vida diaria do barrio, tanto en termos de convivencia como de actividade económica.
Para apoiar a súa denuncia, achegaron fotografías tomadas na xornada do 15 de abril, nas que se pode apreciar claramente a escasa visibilidade da zona.
Ante esta situación, a asociación solicita que se inclúa nos orzamentos municipais de 2025 unha reforma integral do sistema de alumeado do barrio de San Roque, con especial atención á rúa que lle dá nome á zona.
Propoñen a substitución das actuais luminarias por un sistema máis potente, eficiente e respectuoso co medio ambiente, que contribúa non só a mellorar a seguridade, senón tamén a reducir o consumo enerxético e a contaminación lumínica.
Desde Roque-Santo confían en que o Concello atenda esta demanda veciñal, que consideran prioritaria para garantir o benestar e a seguridade dos habitantes do barrio.