Recollida de sinaturas pola calidade dos servizos públicos na cidade de Lugo

LugoXa
Desde o CCOO denuncian que a carencia de traballadores en departamentos municipais está a provocar longas esperas, colapsos nos procedementos administrativos e unha merma xeneralizada na calidade
Casa-Consistorial-Concello-de-Lugo
30 May 2025

A sección sindical de CCOO no Concello de Lugo vén de convocar unha recollida de sinaturas para a mañá de hoxe, entre as 9:00 e as 14:00 horas, diante da Casa do Concello, na Praza Maior. A iniciativa busca mobilizar á veciñanza para denunciar a grave situación dos servizos municipais pola falta de persoal e a deficiente xestión do actual goberno local.

Desde o sindicato denuncian que a carencia de traballadores en múltiples departamentos está a provocar longas esperas, colapsos nos procedementos administrativos e unha merma xeneralizada na calidade dos servizos públicos que recibe a cidadanía. "Toda a veciñanza de Lugo merece uns servizos dignos, eficientes e ben xestionados", sinalan.

Entre as principais demandas de CCOO destacan a dotación inmediata de persoal suficiente en todos os departamentos municipais para reducir as esperas e axilizar os trámites; a mellora na planificación e organización dos servizos básicos para garantir unha atención máis eficiente; o  respecto aos dereitos laborais e ás condicións do persoal municipal, ao que consideran vítima da desorganización e non responsable da situación actual e a esixencia de transparencia e rendición de contas por parte do goberno local.

O sindicato critica con dureza a deriva privatizadora do goberno progresista, ao que acusan de entregar a xestión de numerosos servizos públicos a empresas privadas, encarecendo así os custos para a cidadanía a través do pago do IVE e dos beneficios empresariais. "Cada privatización é un ataque directo ao servizo público e unha carga engadida para os petos da veciñanza", afirman.

CCOO denuncia tamén a ausencia dunha planificación eficaz dos recursos humanos no Concello, o que está a provocar sobrecargas de traballo e un deterioro evidente na atención ao público. Acusan ao executivo local de vulnerar sistematicamente os dereitos laborais do persoal e de actuar con opacidade cando se lle solicitan explicacións.

"Os servizos municipais son unha das grandes fortalezas de Lugo, pero necesitan un goberno que os defenda e os potencie, non que os desmantele", conclúe o sindicato, que anima á cidadanía a participar na recollida de sinaturas para reclamar un Concello máis moderno, xusto e ao servizo da xente.

⚙ Configurar cookies
0.17548584938049