Recolocado o miliario romano da praza Armanyá tras ser reparado pola súa caída en xaneiro

O miliario romano situado na Praza Armanyá, que fora derrubado por un vehículo o pasado 25 de xaneiro, foi recolocado baixo a supervisión do tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas.
Durante a supervisión, o concelleiro Alexandre Penas destacou a importancia de conservar o patrimonio histórico de Lugo e subliñou que "colocar este miliario no seu lugar orixinal é un compromiso coa nosa memoria e unha mostra do respecto pola historia da cidade". A intervención insírese nas accións que o goberno local está a levar a cabo para protexer e poñer en valor os elementos arqueolóxicos que forman parte da identidade luguesa.
O incidente polo que se caera a peza provocara danos na peza histórica, que foron avaliados polos servizos técnicos municipais e posteriormente reparados por unha empresa especializada en metalurxia.
O proceso de restauración tivo como obxectivo garantir a integridade estrutural e estética do miliario antes da súa reinstalación definitiva. Segundo informou o Concello, a recolocación efectuouse cun novo sistema de ancoraxe reforzada, deseñado para asegurar a estabilidade e resistencia da estrutura ante futuros impactos.