Reconstrúen o muro de Frai Plácido Rei
O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron a rúa Frai Plácido Rei Lemos, onde o Goberno local está a levar a cabo unha reconstrución integral da estrutura da zona. Durante a visita, Arroxo destacou "o bo ritmo" das obras, que xa completaron a nova estrutura do muro e avanzan na fase previa á construción dos distintos bancais.
O obxectivo desta intervención é crear un percorrido accesible para toda a veciñanza, eliminando barreiras arquitectónicas. "Crearemos unha rampa accesible pola fronte do muro, conectando o barrio de Recatelo co Parque de Rosalía sen barreiras arquitectónicas, avanzando cara a unha cidade máis accesible para todas as persoas", explicou Arroxo. A rampa partirá do final do Paseo Vila de Foz e rematará na rúa Cidade de Viveiro.
A intervención busca mellorar a integración paisaxística do muro e resolver a diferencia de cotas entre a rúa Frai Plácido Rei Lemos e o parque dunha maneira máis orgánica e respectuosa co entorno. "Fuxiremos dun muro de gran altura e, no seu lugar, optaremos por un escalonamento en bancais, que permitirá mellorar o impacto visual da estrutura", sinalou o Tenente Alcalde.
O primeiro bancal, máis próximo á rúa, será unha nova zona verde totalmente axardinada, destinada ao desfrute dos veciños e para contribuír a reducir a temperatura do pavimento en días de calor. O segundo bancal albergará unha pequena praza arbolada, deseñada como espazo de descanso e encontro, e integrada de forma harmoniosa no contorno. A reconstrución da rúa Frai Plácido Rei Lemos forma parte dun proxecto máis amplo que busca non só a mellora da accesibilidade, senón tamén a creación de espazos públicos máis amables e sostibles en Lugo.