Récord de visitas escolares ás instalacións municipais de xestión da auga de Lugo

LugoXa
Concello e Gestagua consolidan esta iniciativa educativa, cun incremento do 132 por cento respecto ao curso anterior, cun total de 1.500 asistentes de 23 centros de ensino
visita-escolares-planta-da-auga
4 Aug 2025

Concello de Lugo e a Gestagua pechan con cifras récord unha nova edición do programa de visitas formativas ás infraestruturas de xestión do ciclo integral da auga que xestiona a empresa concesionaria, e que se realiza entre os meses de marzo e maio. As estacións municipais de tratamento e depuración (ETAP e EDAR) recibiron durante o curso 2024/2025 a máis de 1.550 estudantes, de 23 centros de ensino, o que supón máis do dobre de participantes e de centros educativos rexistrados o ano anterior, no que se contabilizaron 600 participantes. De feito, a asistencia deste ano foi un 132 por cento máis que a do ano pasado.

“O éxito de participación demostra o interese crecente por coñecer de preto como se xestiona a auga en Lugo”, explica Miguel Fernández, alcalde da cidade. “É un recurso esencial que merece ser comprendido, valorado e protexido desde as idades máis temperás”.

O programa, que se desenvolveu entre os meses de marzo e maio, rexistrou un total de 57 visitas reais, con 62 inscricións procedentes de practicamente todos os centros educativos da cidade, ademais de varios centros do resto da provincia e de Ourense, como o CIFP A Farixa, o CPI de Friol, o IES Río Miño ou o CPI Uxío Novoneyra, supoñendo un aumento de visitas do 46 por cento respecto á anterior edición deste programa educativo.

Un dos principais avances deste curso foi a renovación do espazo e do contido didáctico das visitas, incluíndo maquetas verticais, paneis explicativos e unha nova proposta expositiva que ofrece unha visión integral do ciclo da auga, desde a captación no río Miño ata a súa devolución ao medio natural tras o proceso de depuración.

A acollida do programa foi excelente: o cen por cento dos centros enquisados afirma que repetiría a experiencia o próximo curso, mentres que as valoracións da organización, o contido e o labor dos monitores sitúanse por encima de 9 sobre 10.

De cara ao futuro, Concello de Lugo e Gestagua continuarán a mellorar un programa que evoluciona cara a unha iniciativa de divulgación aínda máis ambiciosa, que inclúa accións na contorna do río Miño e actividades educativas nas aulas sobre o ciclo da auga. O obxectivo pasa por seguir inspirando ás novas xeracións da importancia de coidar un recurso vital como a auga.

Gestagua opera o ciclo integral da auga en toda España desde 1986. Na actualidade, o grupo xestiona máis de 550.000 habitantes en depuración en toda España e aposta por un crecemento sostido neste ámbito nos próximos anos.

⚙ Configurar cookies
0.28647589683533