Recuperan en Lugo 33 libros de actas dos séculos XVIII e XIX
O alumnado do obradoiro dual de emprego do CEI Nodus ArquivaLugo recuperou xa dixitalmente 33 libros de actas dos séculos XVIII e XIX e máis de 42.000 imaxes. A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada do concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, mantivo un encontro no CEI-Nodus cos 20 lucenses, de entre 25 e 61 anos, que están a participar no obradoiro dual de emprego ArquivaLugo. Trátase da iniciativa coa que o goberno local ofrece formación e experiencia profesional a persoas desempregadas en especialidades con gran demanda.
Alvarellos lembrou que “a través desta iniciativa de tipo formativo, as persoas participantes están a adquirir competencias en tres especialidades con gran demanda no mercado laboral, sendo, por tanto unha oportunidade atractiva e versátil”. Durante o proceso formativo, que está cofinanciado pola Xunta de Galicia, estase a recuperar os citados libros de actas, que son os documentos máis representativos da xestión e administración dos concellos modernos e contemporáneos.
Expedidos polos órganos de goberno locais, recollen as decisións e actuacións dos cargos municipais da época, sendo unha fonte imprescindible para a reconstrución dos diversos aspectos da vida da cidade de Lugo. Ademais, estase a realizar a dixitalización e posta en valor de licenzas de obras particulares do período 1951-1955, que se atopan actualmente no Arquivo Histórico Provincial.
Trátase dun fondo de gran riqueza xa que axuda a ilustrar e explicar a configuración urbanística e arquitectónica da cidade, amosándonos como foi o crecemento da mesma e a evolución de lugares emblemáticos da cidade. Nestes momentos hai dixitalizados un total de 418 expedientes e máis de 8.400 imaxes dixitais. Neste senso, Repetto engadiu que “con esta capacitación contribuímos a enxalzar o noso patrimonio histórico, neste caso o documental, especialmente tendo en conta o pasado de nosa cidade, e que en moitas ocasións é difícil difundir”.