Recuperarán a Praza do Castiñeiro de Lugo cun novo mural
O Concello de Lugo está a traballar na futura humanización e recuperación da Praza do Castiñeiro, un proxecto que se levará a cabo con varias actuacións, pero cunha intervención principal como é o novo mural que presidirá este espazo público. Para iso, a alcaldesa Paula Alvarellos, acompañada do edil de Xuventude, Jorge Bustos, estudaron sobre o terreo o posible proxecto, baseado nun deseño no que primará a cor e orientado a un público infantil e xuvenil.
A actualización desta praza, punto neurálxico do barrio do Castiñeiro, será realizada por artistas locais que atesouran un contrastado recoñecemento internacional, como son Diego As e Concepto Circo, composto por Yoe 33 e Marcos Pareira. Para acometer esta intervención artística será necesaria a retirada previa da pintura antiga, moi deteriorada polos anos e polo uso de balóns, e se apostará por ese novo deseño que convivirá co Einstein da parte esquerda do muro, que se mantén. A humanización da praza se fará integrando varios elementos e inmobles no citado deseño, como poden ser a canastra de baloncesto ou o centro coñecido como Punto Xuvenil, onde se realizan varias actividades sociais.
Completan o proxecto de recuperación e posta en valor desta gran praza pública a limpeza da mesma, principalmente das bancadas e escaleiras de formigón, así como a zona máis elevada situada fronte ao mural, a modo de escenario. LuceLugo será a encargada de desenvolver estes labores de limpeza antes de iniciar o novo deseño artístico.
A alcaldesa de Lugo sinalou respecto a este proxecto que “xa comprobamos por outras intervencións realizadas con éxito na nosa cidade que o arte urbano é unha ferramenta estratéxica e moi valiosa nos procesos de rexeneración urbana, por iso imos a apostar de novo por este tipo de obras para esa transformación que cremos que precisa a praza do Castiñeiro”. Na mesma liña, o edil de Xuventude, de quen depende esta actuación, explicou que “os resultados foron moi bos noutras actuacións desenvolvidas na rúa Esquecemento ou nas Casas Sindicais, por exemplo, creando espacios totalmente renovados e recuperando zonas degradadas para as e os habitantes destes barrios”.