Rede pola Palestina chama a boicotear ao equipo israleí en La Vuelta ao seu paso por Galicia

A plataforma Rede pola Palestina fixo público un comunicado no que insta á cidadanía galega a boicotear a participación do equipo Israel Premier Tech na Vuelta Ciclista, así como ao patrocinador principal da proba, Carrefour. O colectivo súmase así ao chamamento realizado polo Comité Nacional Palestino de BDS, a maior coalición da sociedade civil palestina, que reclama un boicot deportivo contra Israel en todas as competicións internacionais.
No escrito, Rede pola Palestina subliña que “non se trata de política, senón de defender os valores do deporte”, lembrando que, segundo os seus datos, “só nos últimos dous anos Israel asasinou arredor de 800 persoas palestinas deportistas e destruíu as instalacións deportivas da Faixa de Gaza e boa parte das da Cisxordania”. Por este motivo, consideran que o deporte galego “non pode permanecer indiferente” e acusan a Israel de utilizar o deporte como ferramenta de sportswashing para “lavar e normalizar un xenocidio”.
O colectivo tamén apunta á responsabilidade da Unión Ciclista Internacional (UCI) por permitir a presenza do equipo israelí, que, segundo denuncian, incumpre a súa propia normativa e ignora a legalidade internacional. Do mesmo xeito, critican a implicación de Carrefour, ao que sinalan como “empresa cómplice coa ocupación e co apartheid”, lembrando que mantén relacións comerciais con empresas asentadas en colonias ilegais e que chegou a entregar agasallos a soldados israelís durante a ofensiva en Gaza.
Na súa chamada, Rede pola Palestina denuncia que “mentres Israel intensifica a matanza en Gaza e prepara a anexión da Cisxordania, os gobernos e organismos internacionais seguen sen actuar”, mantendo relacións económicas, políticas e militares co Estado hebreo. Critican tamén que a ONU estea a ser “expulsada e substituída por forzas mercenarias”, ao tempo que persoal sanitario, xornalistas, membros da Media Lúa Vermella e mesmo deportistas son vítimas da violencia.
O comunicado remata facendo un chamamento á mobilización en Galicia coincidindo co paso da Vuelta: “Agora, tócalle actuar á Galicia, é o momento. Boicotemos, por todos os medios, o paso de La Vuelta e da depravación de Israel pola nosa terra”.