Reformado o CPI de Cervantes para mellorar a súa eficiencia enerxética

LugoXa
A Consellería de Educación vén de reformar o edificio Este do Colexio Público Integrado de Cervantes para mellorar a súa eficiencia enerxética
CPI Cervantes Javier Arias
7 Jun 2022

O Centro Público Integrado de Cervantes vén de reformarse para mellorar a eficiencia enerxética e o confort. Unhas obras financiadas pola Consellería de Educación cun investimento de 256.100 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o centro para comprobar o resultado das actuacións, que afectaron ao conxunto do edificio Este, de dúas plantas, no que se concentra a actividade fundamental do colexio.

No que respecta ás medidas para reducir o consumo enerxético, centráronse na cuberta, carpinterías e iluminación. Así, reparouse a cuberta de lousa para eliminar os puntos de filtración de humidades; substituíronse as ventás, persianas e capialzados por outras de maior estanqueidade e resistencia térmica, e renováronse luminarias, colocando outras de tipo LED e un sistema de regulación multisensor con control de presenza que axusta gradualmente o fluxo de luz en función da luz natural.

En canto á adecuación das dependencias, renováronse integramente os aseos de Educación Primaria da planta primeira, e tamén se melloraron os outros existentes no mesmo andar. Nos da planta baixa cambiáronse o solado, a carpintería interior, a iluminación e a grifería, reparando os falsos teitos e alicatados.

Procedeuse ao pintado das fachadas exteriores e dos paramentos interiores, cambiouse o alicatado en estancias como o comedor, e esmaltáronse as carpinterías interiores de madeira, entre outras tarefas.

O delegado territorial lembrou que “na aposta pola dinamización do rural, resulta fundamental ofrecer servizos educativos de calidade e iso inclúe contar con infraestruturas modernas, espazos de convivencia que dean cabida a novas metodoloxías e á educación dixital, seguindo as directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia deseñado pola Consellería”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18080401420593