Reforman a xestión catastral municipal en Lugo

LugoXa
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do servizo de xestión catastral do Concellos de Lugo, que terá un custo anual de 47.456 €.
xestion catastro
26 Ago 2021

A Xunta de Goberno adxudicou un servizo de xestión catastral que colaborará co Concello de Lugo na realización de actuacións e na tramitación dos expedientes nesta materia, así como na xestión tributaria do Imposto de Bens Inmobles.

Segundo explicou a tenente de alcaldesa e responsable da área económica, Paula Alvarellos, “a finalidade desta asistencia concretarase na elaboración de datos gráficos, cartográficos e alfanuméricos dos inmobles urbanos así como na comprobación da información física, xurídica ou económica dos expedientes abertos e que resulta necesaria para a súa tramitación”.

“Tamén pasará a encargarse da cartografía catastral e da realización de planos dixitais así como dos impresos procedentes - referiu a concelleira - en tanto, un catastro completo e actualizado é o instrumento fundamental que nos permitirá levar a cabo unha xestión axeitada do territorio, acorde aos principios de sostibilidade que perseguimos”.

Alvarellos Fondo sinalou que a adxudicataria do contrato – Eibisa Norte S.L - ofrecerá, así mesmo, atención, asistencia e información ao contribuínte nas súas dependencias e con persoal propio.

“Trátase de botar man de todos aqueles mecanismos que están á nosa disposición co fin de efectivizar a xestión municipal, dotándonos dos medios necesarios para desenvolver un labor áxil en todas as fases dos procedementos administrativos que cursamos pero, acadando ao mesmo tempo, a resolución dilixente das demandas e necesidades da cidadanía coa calidade e a prontitude debida”, afirmou a edil de Gobernanza.

Paula Alvarellos indicou, así mesmo, que a licitación - que terá unha duración de tres anos, prorrogable por outros dous - é de 47.456 € para o primeiro exercicio, tendo en conta a estimación realizada pola área de Facenda Local (redactora dos pregos, baixo a coordinación que a Tesoureira Municipal fai da área económica), en base aos traballos anuais que se agarda realizar.

Outros asuntos da Orde do Día

Xa noutra orde de asuntos, na sesión desta semana, validáronse as prórrogas dos contratos de subministración de produtos químicos para o mantemento da auga das piscinas públicas (14.910 €) e do servizo de mantemento técnico e dos contidos da pàxina web do Concello (29.325 €). Ademais, iniciouse o procedemento de licitación para a subministración de papel para fotocopiadoras e impresoras nas instalacións municipais, por un período dun ano, prorrogable até os 4, e cun orzamento base de 17.173 € por exercicio.

Por outra banda, hoxe foron aprobadas 3 licenzas urbanísticas para acometer a reforma dun dúplex na Ronda de Xosé Castiñeira (32.991 €), a construción dun almacén agrícola para garda de apeiros en Piúgos (11.336 €), así como a redistribución dun local de planta baixa nun inmoble da rúa Ourense (8.186 €).

0.10665488243103