Reforzarán a seguridade no primeiro Arde Lucus con carácter internacional

LugoXa
O primeiro Arde Lucus con carácter internacional contará cun reforzo dos Corpos de seguridade en prol da protección cidadá
xunta seguridade arde lucus
13 Jun 2023

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiron a Xunta Local de Seguridade do Arde Lucus na que se abordou o deseño dos dispositivos de vixilancia que se desenvolverán na capital entre o 22 e o 25 de xuño con motivo da celebración das festas de recreación histórica.

Durante a xuntanza, que tivo lugar no Salón de Plenos da Casa Consistorial, a rexedora puxo en valor a relación de cooperación permanente que manteñen Policía Local, Policía Nacional, Policía Autonómica, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros e Protección Civil. “Corpos que, unha vez máis, traballarán de xeito organizado para realizar un control efectivo sobre os espectáculos e actividades programadas”, afirmou.

“Así – referiu Méndez - reforzaranse os efectivos para vixiar, especialmente, as aglomeracións que poidan xurdir durante os concertos previstos e as actividades nas que se agarda unha maior afluencia de público pero tamén centrarán parte do seu labor en garantir o correcto desenvolvemento dos desfiles, tanto o de tropas romanas e tribus castrexas como o escolar, en convivencia co tráfico rodado que se manterá nas vías circundantes ao traxecto polo que discorren e co obxectivo de causar as menores afeccións posibles, antepoñendo, en todo momento, a tranquilidade e a protección das persoas participantes e espectadoras”.

Igualmente, no encontro desta mañá concretouse o Plan de Autoprotección dos festexos que incorpora, entre outras medidas, un maior número de dotacións de bombeiros. Así, haberá unha disposición de efectivos a tan só catro minutos de cada un dos campamentos, alén de ofrecer a cada asociación formación e recursos en materia de prevención de incendios.

A alcaldesa apelou, coma sempre, ao espírito de concordia que, ate o momento, definiu estas festas.

“Durante catro días Lvcvs Augusti revivirá con entusiasmo a nosa orixe nun ano no que agardamos tamén multiplicar o eco destas festas, ao ter recoñecido o seu carácter internacional o que dá boa conta da consolidación que Lugo está adquirindo como atractivo turístico e patrimonial. Por iso, ao mesmo tempo que vos convidamos a todas e todos a seguir coñecendo e gozando do Arde Lvcvs vos emprazamos tamén a que sexa sempre nun ambiente de máxima cordialidade e convivencia. Este é o mellor garante do éxito que, nunha nova edición, estamos seguros terá a celebración”, concluíu Méndez.

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno en Lugo,mostrou a total colaboración da Subdelegación do Goberno para garantir que se poidan gozar das festas con total tranquilidade. Isabel Rodríguez anunciou que a Policía Nacional e o Subsector de Tráfico colaborarán neste dispositivo de seguridade tanto con patrullas nas rúas como con controis nos accesos á cidade. Así, a Policía Nacional contará nos momentos nos que se prevé máis afluencia de persoas, ademais dos efectivos da Comisaría de Lugo, con reforzos da Unidade de Intervención Policial (UIP), aos que se sumará a unidade da Policía Autonómica. O Subsector de Tráfico, pola súa parte, realizará controis nos accesos á cidade e verificacións que serán breves e numerosas.

Por último, a subdelegada apelou “á responsabilidade e o sentido común” da cidadanía para que as numerosas actividades programadas este ano, o primeiro como Festa de Interese Turístico Internacional, sexan todo un éxito.

0.10489177703857