Reforzada a xestión catastral do Concello de Lugo

LugoXa
O Goberno de Lugo trasladará a aprobación do procedemento de contratación dun servizo de xestión catastral que colabore co Concello.
paula alvarellos lara mendez
25 May 2021

O Goberno de Lara Méndez trasladará mañá á Xunta de Goberno a aprobación do procedemento de contratación dun servizo de xestión catastral que colabore co Concello na realización de actuacións e na tramitación dos expedientes nesta materia, así como na xestión tributaria do Imposto de Bens Inmobles. 

Segundo avanzou a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, “a finalidade desta asistencia concretarase na elaboración de datos gráficos, cartográficos e alfanuméricos dos inmobles urbanos así como na comprobación da información física, xurídica ou económica dos expedientes abertos e que resulta necesaria para a súa tramitación”.  

“Tamén deberá encargarse da cartografía catastral e da realización de planos dixitais así como dos impresos procedentes - referiu a concelleira - en tanto, un catastro completo e actualizado é o instrumento fundamental que nos permitirá levar a cabo unha xestión axeitada do territorio, acorde aos principios de sostibilidade que perseguimos”. 

Alvarellos Fondo sinalou que a adxudicataria do contrato ofrecerá, así mesmo, atención, asistencia e información ao contribuínte nas súas dependencias e con persoal propio. 

“Trátase de botar man de todos aqueles mecanismos que están á nosa disposición co fin de efectivizar a xestión municipal, dotándonos dos medios necesarios para desenvolver un labor áxil en todas as fases dos procedementos administrativos que cursamos pero, acadando ao mesmo tempo, a resolución dilixente das demandas e necesidades da cidadanía coa calidade e a prontitude debida”, afirmou a responsable de Gobernanza. 

Paula Alvarellos indicou, así mesmo, que o orzamento base da licitación - que terá unha duración de tres anos, prorrogable por outros dous - é de 47.456 € para o primeiro exercicio, tendo en conta a estimación realizada pola área de Facenda Local (redactora dos pregos, baixo a coordinación que a Tesoureira Municipal fai da área económica), en base aos traballos anuais que se agarda realizar. 

Outros asuntos 

Xa noutra orde de asuntos, na sesión desta semana, autorizarase a adquisición da escultura Peregrina en Lugo, deseñada polo artista Miguel Couto Cotelo, a proposta da Coordinadora de E-Dusi Muramiñae. Unha obra elaborada en bronce, coa que o executivo local pretende enxalzar a importancia histórica, cultural, patrimonial e tamén de dinamización económica que o Camiño Primitivo ten para Lugo, mellorando a percepción estética dunha contorna sobre a que xa se está a intervir actualmente no seu acondicionamento e que exerce de nexo de unión entre o Casco Histórico e o río Miño. 

Por outra banda, dende a área de Sostibilidade Urbana daráselle traslado a 6 licenzas para acometer diferentes intervencións no termo municipal, entre as que destaca a ampliación dunha nave industrial para almacén de pneumáticos no polígono do Ceao (1.866.965 €), a rehabilitación das fachadas e patios dun inmoble en Pascual Veiga (114.765 €) ou a instalación dun ascensor nun edificio da rúa do Prado (65.227 €).

0.11456704139709