Reforzan a seguridade viaria na estrada LU-530 en Baleira

LugoXa
Comezaron esta semana novos traballos de reforzo da seguridade viaria na estrada autonómica LU-530 ao seu paso por Baleira
reforza seguridade viaria estrada lu 530 en baleira
30 Out 2021

Comezaron esta semana novos traballos de reforzo da seguridade viaria na estrada autonómica LU-530 ao seu paso polo concello lucense de Baleira, no treito coincidente co Camiño Primitivo, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou esta semana os traballos de acondicionamento no cruzamento da ruta xacobea coa vía autonómica, no punto quilométrico 37+990, ao seu paso pola parroquia da Lastra.

Os traballos céntranse no pintado de liñas de calmado de tráfico en sentido crecente, así como no reforzo da sinalización vertical e na colocación de balizas no tramo de curva para identificar ese treito do Camiño Primitivo. Tamén se executará unha pasarela de madeira de 2 metros de ancho.

Esta actuación súmase á executada no punto quilométrico 35+300, na parroquia da Fontaneira.

Esta dúas intervencións engádense aos traballos que se están a executar desde o pasado mes de xullo nas vías autonómicas coincidentes coas distintas rutas do Camiño de Santiago, co obxectivo último de protexer os peregrinos, que son usuarios vulnerables das estradas.
Actuacións en 16 municipios
Na provincia de Lugo realizaranse actuacións en 16 municipios dos Camiños Francés, de Inverno, Norte e Primitivo. En concreto, no Camiño Primitivo execútanse actuacións na propia LU-530 e nas estradas LU-701, LU-740, LU-232 e LU-231 ao seu paso por Baleira, A Fonsagrada, Castroverde, Lugo e Palas de Rei, onde se acometen un total de 14 actuacións.

No Camiño Francés recóllense 13 intervencións para incrementar a seguridade na confluencia coas estradas LU-633, LU-637 e LU-613 ao seu paso por Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria e Portomarín.

No Camiño de Inverno programáronse actuacións nun total de seis puntos da LU-933, LU-652 e LU-213 en Quiroga, A Pobra do Brollón e Chantada. Tamén se recollen melloras na traza do Camiño Norte que coincide coas estradas LU-133 e LU-132 ao seu paso polos concellos de Ribadeo, Trabada e Lourenzá.

Estes traballos están incluídos nas 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas de toda Galicia para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, que suporán un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.

reforza seguridade viaria estrada lu 530 en baleira 1
0.13505697250366