Reforzan o diálogo con Dano Cerebral Lugo para avanzar en accesibilidade nos edificios municipais

LugoXa
Rubén Arroxo destacou que o Auditorio Fuxan os Ventos e a piscina de Frigsa acadan a etiqueta verde no sistema de avaliación impulsado polo Consello Galego de Accesibilidade
reunión-Rubén-Arroxo-Dano-Cerebral-Lugo
27 Feb 2026

O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo unha xuntanza coa nova directiva da asociación Dano Cerebral Lugo co propósito de coñecer de primeira man as demandas do colectivo e seguir avanzando na mellora da cidade.

Durante o encontro, o responsable municipal lembrou que Lugo foi escenario dunha iniciativa promovida polo Colexio de Arquitectos Técnicos que situou á cidade entre as urbes galegas con edificios municipais máis accesibles, un aspecto especialmente relevante para as persoas con dano cerebral adquirido, xa que en numerosos casos estas lesións levan aparelladas dificultades de mobilidade.

O Consello Galego de Accesibilidade desenvolveu en Lugo a primeira experiencia deste tipo grazas á colaboración da Tenencia de Alcaldía, que facilitou que persoal dos colexios profesionais auditase todas as instalacións municipais desde a perspectiva da accesibilidade. A partir da información recompilada elaborouse un sistema de clasificación por etiquetas que arrinca coa etiqueta branca, a que certifica unha accesibilidade universal plena. Aínda que ningún edificio acadou polo momento esta distinción, sinalouse que serían precisas pequenas actuacións para optar á cualificación máis esixente.

No seguinte nivel sitúase a etiqueta verde, que lograron o auditorio Auditorio Fuxan os Ventos e a Piscina Municipal de Frigsa. Ambos inmobles cumpren cos requisitos básicos en materia de accesibilidade e permiten un uso maioritariamente autónomo por parte das persoas usuarias. Contan con acceso principal adaptado, percorridos interiores de tránsito sinxelo, ramplas axustadas á normativa vixente, ascensores e aseos practicables, así como prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida.

0.11923503875732