Refórzase a brigada de augas de Lugo coa contratación de dous novos traballadores

LugoXa
A área de Persoal do Concello de Lugo, dirixida polo concelleiro Pablo Permuy, está a reforzar a brigada municipal de Augas coa contratación de máis traballadores.
29 Feb 2024

A área de Persoal do Concello de Lugo, dirixida polo concelleiro Pablo Permuy, está a reforzar a brigada municipal de Augas coa contratación de máis traballadores.  Este mércores tomou posesión un novo oficial fontaneiro e estase a tramitar a contratación dun oficial maquinista-fontaneiro que se espera facer efectiva nas próximas semanas. Trátase de dous postos que están chamados a reforzar o labor que leva a cabo desde o servizo.

Así mesmo, en prol dunha optimización dos recursos humanos, trabállase nunha modificación da Relación de Postos de Traballo para que, aqueles traballadores do Servizo de Augas que cumpran cos requisitos, poidan promocionar de peóns a oficiais a través do proceso oportuno en función da necesidade de postos a cubrir.

Estas medidas únense a outras iniciativas implementadas polo Executivo de Paula Alvarellos para mellorar a operatividade na resolución de avarías e velar polo correcto funcionamento da rede de augas municipal. Deste xeito, na Xunta de Goberno local celebrada o 21 de febreiro, oficializouse a delegación de competencias no edil de Xestión Integral de Recursos Internos, Pablo Permuy, para tramitar todas as contratacións que sexan necesarias para resolver incidencias e avarías na rede municipal que se produzan fóra do horario da Brigada de Augas.

“Trátase de garantir de forma permanente e continuada esta prestación, ante a imposibilidade de que o persoal municipal poida reparar todos os incidentes que afecten os elementos da rede de distribución de auga potable por unha cuestión de dispoñibilidade horaria dos operarios”, sinalou a este respecto o edil de Xestión Integral de Recursos Internos.

0.10440182685852