Regresa ao Velle Cárcere o Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural
Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, celebra esta semana no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo unha nova edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO. Trátase do espazo de convivencia do CEN onde as compañías dos cinco territorios participantes no proxecto entran en contacto, dun xeito más próximo, á fin de coñecer as liñas de traballo e propostas estéticas dunhas e doutras; mais tamén profundan na realidade dos distintos circuítos de programación, exploran vías de coprodución e acceden a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional.
Habitación Peregrina PRO comezou este martes cun obradoiro sobre teatro accesible impartido polo Grupo Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014), no que Patricia de Lorenzo e XRon partiron do traballo realizado na peza Helen Keller, a muller marabilla? Xa pola noite, tivo lugar a entrega do II Premio Julio Peña, outorgado a un profesional das artes escénicas polo seu compromiso e defensa dos valores de cooperación de CEN, e que este ano recaeu no galego Anxo Manoel, de Lucecús Teatro. A escultura foi realizada pola galega Esther Quintas.
Na mañá deste mércores, as e os participantes en Habitación Peregrina PRO recibiron a visitada deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, Iria Castro; e da edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro; en representación das institucións luguesas que colaboran no desenvolvemento de Camiño Escena Norte.
Previamente, as e os asistentes tiveron ocasión de abordar o potencial transformador das artes escénicas desde un enfoque sostible a través dun parladoiro impartido polas consultoras María Baqueiro e Arantxa Estévez, impulsoras do Pacto Cultura Sustentable. A formación continuará mañá, nunha sesión na que Patricia Hermida (presidenta AGEM e responsable de Dotbeat) impartirá un taller sobre cuestións legais e fiscais claves para as compañías no seu día a día. Ademais da formación, este ano CEN promove a celebración de novos espazos de encontro informais no Habitación Peregrina PRO. É o caso da actividade ¡Discoteca de Señoras... y Señores también!, que conta coa bailarina Marta Alonso Tejada e coa cantante Mounqup como anfitrioas.