Regresa o Corre con Nós este sábado con récord de participantes
A primeira proba do Corre con Nós, a carreira nocturna de Ramón Ferreiro, logra récord de participantes ao pechar a inscrición cun total de 1.830 persoas apuntadas, unha cifra á que se chega por primeira vez na historia deste circuíto organizado polo Concello de Lugo e que supón, ademais, un 30 por cento máis que as inscricións de anos anteriores. Así, a edición vixésimo terceira do circuíto gratuíto Larsa Corre con Nós 2025 arranca este sábado, día 18, da mellor maneira posible, algo que segundo explicou o edil de Deportes e Xuventude, Jorge Bustos, “reafirma o bo momento que vive o deporte lucense en xeral e, en particular, as carreiras populares como este Corre con Nós”.
A que é a primeira proba desta nova edición celebrarase a partir das 18.00 horas, con saída desde a avenida Ramón Ferreiro, ao carón da praza Horta do Seminario, para percorrer varias rúas do centro da cidade. O edil de Deportes sinala ademais que “unha vez feita a inscrición para esta primeira carreira, as e os corredores xa quedan anotados para as outras seis que conforman o circuíto, podendo participar no resto de probas sen necesidade de renovar a súa inscrición”. “Sen dúbida, esta é unha das grandes vantaxes para as e os participantes deste circuíto popular, que este ano, á vista desta primeira inscrición, está a espertar moito entusiasmo”.
Durante toda a xornada do sábado, a montaxe da proba obrigará a cortar, entre as 12:00 e as 20:00 horas, o tramo da avenida Ramón Ferreiro máis próximo á praza Horta do Seminario, desde a rúa Salvador de Madariaga ata Anxo López Perez.
Os horarios e distancias das probas están aloxados con toda a información de cada unha das carreiras e categorías na páxina web do circuíto https://correconnos.com.
Jorge Bustos falou da importancia deste circuíto popular que este ano acada a súa vixésimo terceira edición e sinalou que “a súa repercusión vai máis aló do ámbito deportivo. Gracias ao deporte favorecemos a promoción turística desta cidade, dos seus barrios e tamén da súa cinto verde. De feito, para esta proba temos atletas procedentes de ata 25 municipios diferentes de toda a comunidade autónoma, participantes das catro provincias galegas cunha porcentaxe de mulleres inscritas dun 35 por cento, e dun 65 por cento de homes”.
A recollida de dorsais e chips das e dos inscritos estarán dispoñibles na tenda colaboradora de Inter Sport, situada na rúa Bispo Aguirre durante todo a xornada de mañá xoves, do venres 17 e do sábado 18, o propio día da proba, no seu horario comercial para que tanto os corredores de Lugo como de fóra do municipio poidan ter a oportunidade de retiralo.
As vías afectadas polos cortes de tráfico fundamentalmente estarán comprendidas dentro dos seguintes horarios e tramos de circulación:
De 17:30 a 19:30 horas, estarán cortados os tramos das probas que afectan á avenida Ramón Ferreiro, desde Anxo López Pérez ata a rotonda que enlaza coa rúa Marina Española. Tamén haberá cortes desde a avenida Rodríguez Mourelo ata a praza de Avilés, afectando tamén á rúa Vilalba e a rúa Anxo López Pérez.