Regresan á programación cultural de verán os ciclos Tarde e Tardiña e Versos na Barraca

LugoXa
A área de Cultura amplía a programación cultural do verán cunha nova edición dos ciclos Tarde e Tardiña e Versos na Barraca
ciclo tarde e tardina versos na barraca
3 Xul 2023

A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou unha nova edición do ciclo de espectáculos para público infantil e familiar Tarde e Tardiña, xunto coa programación para público adulto Versos na Barraca. "Trátase dunha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar nas prazas do centro de Lugo durante as tardes dos xoves", explicou Maite Ferreiro, que engadiu "cada día terá lugar un espectáculo para público familiar ás 18:00 horas na praza Anxo Fernández Gómez, e unha actividade para público adulto ás 20:00 horas na praza da Mosqueira".

Tarde e Tardiña comezará o vindeiro xoves 6 de xullo, e incluirá destacadas propostas da escena galega, estatal e internacional que mesturan o teatro de rúa, a música ou o circense. As catro noites de Versos na Barraca (xoves 6, 13, 20 e 27 de xullo ) serán presentadas polo director artístico, Lois Pérez, canda The Tarracos, formación musical do ciclo liderada por Luis Monsalve.

Maite Ferreiro destacou que “con iniciativas como esta desde a área de Cultura consolidamos unha programación cultural estable durante todo o ano, dando opcións ás familias durante as tardes do verán”.

Programación Tarde e Tardiña 2023

6 de xullo, Oh-Pera de Circo Chosco (para todos os públicos, 50 minutos)

Espectáculo gañador do certame intergaláctico do Festaclown 2021. Contar historias desde a imaxe, cando as cousas falan, descubrir novos espazos e ver come se transforman os vellos. Todo cambia, nada permanece e con cada transformación ábrese un mundo de posibilidades. Todo está composto de átomos, segundo como se combinen pode ser unha xirafa, unha cadeira ou unha escaleira. O mundo está feito de pezas elementais e o noso mundo está feito de caixas que van mudando en universos diferentes. Unha viaxe polas posiblidades da vida, polas eleccións que tomamos no día a día, nas que o amor é a materia escura que os une.

13 de xullo, Distans de Vol’e Temps (para todos os públicos, 50 minutos)

Premio Fetén 2019, Premio Lorca 2019 a espectáculo de circo, premio Paca a mellor Dirección, mellor Posta en Escea e mellor Artista Masculino. Distans é un dos mellores espectáculos dos últimos anos no circo español. Unha gran peza con multitude de premios e mencións que pasou polas mellores programacións. Un espectáculo imprescindible que destaca pola súa excelencia técnica, escenográfica, acrobática, humorística... un espectáculo que é unha verdadeira delicia e non podes perder.

20 de xullo, Up!!! De Xabi Larrea (para todos os públicos, 45 minutos)

Un espectáculo que toma o humor como base de partida, donde o absurdo, a comedia e a excentricidade toman un rol decisivo á hora de mostrar as diferentes habilidades dun personaxe apaixoado, irónico e cheo de enerxía.

27 de xullo, Home, de Cia Cris-is

Premios en Circada 2023, Festival de Circ de Terrasa, Festival Cucha Ubeda, Festival Circorts, Festival Arca, Festival Zirkualde, Festival Temudas, Festival Arisc-arte Vinarós. Nunha casa miserable, unha parella vive a súa penosa rutina. Drama ao servizo da comedia. Risas das boas, das sonoras, das que curan. Un espectáculo trepidante, emocionante, hilarante.

Programación Versos na Barraca 2023

06 de xullo, O rumbo desnortado das estrelas, Estíbaliz Espinosa e Rosalía Fernández Rial

Os versos que apuntan ao ceo e ás estrelas dende o corazón dunha mazá dialogan a través da voz de Estíbaliz Espinosa coa Rosa dos Ventos, a poesía orgánica, musical e desnortada pero sempre á fronte de Rosalía Fernández Rial. Dúas das mellores poetas do panorama literario galego xúntanse ao pé da Muralla para agasallarnos cos seus versos.

13 de xullo, Ouveos cando pasa a libélula, Lupercais

Nieves Neira, Jaro da Silva, Luís Alonso, Antom Fortes, Luís Valle, Sara Plaza ou María Grandío son parte do colectivo Lupercais, compañeiras e compañeiros da poesía e dos espazos que esta abre na vida cotiá. Voces diferentes, singulares, orixinais, Voces diferentes, singulares, orixinais, complementarias ou non, unidas pola amizade e o proxecto poético que lles dá nome, cultivando a arte do encontro. A palabra.

20 de xullo, A cinca que escintila na terra, Anxo Angueira e Berlai

Unha voz que se funde no verso e desaparece para cobrar aínda máis fulgor, poucas veces a palabra resoa tan fértil. Un artesán de cancións cun pé en Dodro e outro en Berlai, sensibilidade e denuncia dacabalo do talento. Anxo Angueira, un dos mellores recitadores do país xúntase na Barraca canda a Xiao Berlai, cantautor e alma de poeta para facer escintilar a voz da terra.

27 de xullo, Descunchar o que non ten nome, Branca Novoneyra e Ismael Ramos

Coller as palabras dun verso e sopralas até acender o seu significado e gozar coa súa luz. A sensibilidade e a experiencia atenta do mundo atravesan a celebrada poesía do Premio Nacional de Poesía Joven, Ismael Ramos, e os versos do novo traballo da poeta Branca Novoneyra, “As cunchas baleiras”. Luz, poesía e talento para tempos escuros da man de dúas poetas de referencia.

0.22060585021973