Regresan as Aulas Abertas este Nadal a cinco centros sociais de Lugo
A actividade terá lugar nos centros de convivencia Uxío Novoneyra, María Balteira, Lamas de Prado, A Milagrosa e Maruja Mallo.
O Concello abre o luns, 11 de decembro, o prazo de inscrición das Aulas Abertas para as vacacións de Nadal. A programación, que complementa á desenvolvida pola Casa da Muller coa iniciativa Aprende Xogando, amplía o apoio municipal que se lle ofrece ás familias lucenses para que poidan compatibilizar as súas obrigas laborais co período non lectivo.
“Dende o Concello ofrecemos un total de 200 prazas, a razón de 20 por cada centro, que se repartirán en dúas quendas: unha primeira, do 26 ao 29 de decembro e outra do 2 ao 5 de xaneiro, co obxectivo de darlle cobertura cunha proposta lúdica e didáctica ao descanso escolar que as crianzas teñen nestas datas para que aproveiten este tempo de lecer mentres as e os seus proxenitores atenden o traballo”, referiu a edil responsable de área, Ana Abelleira.
As familias interesadas poderán presentar a súa solicitude do 11 ao 13 de decembro, ambos os dous días incluídos, de xeito presencial – entre as 09:00 e as 13:00 horas nos centros de convivencia Uxío Novoneyra, María Balteira, Lamas de Prado, A Milagrosa e Maruja Mallo nos que, posteriormente, se desenvolverá a actividade.
As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición e o listado de persoas admitidas publicarase o día 18 de decembro.
A matrícula deberá formalizarse entre os días 19 e 20 de decembro, cubrindo o formulario modelo 603 de pago de taxas: http://www.lugo.es/Modalidad3/Autoliquidacion?modelo=603 , efectuando o abono da mesma (4’12€) e entregando o xustificante no centro de convivencia correspondente no que se apuntaron.
A concelleira destacou que “se trata dunha prestación moi apreciada pola sociedade lucense en tanto permite compaxinar as vacacións de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia sen descoidar as necesidades de atención das e dos máis pequenos da casa; nunhas condicións tanto de horario como de custo económico moi accesible, cumprindo co noso obxectivo de acadar unha maior equidade e xustiza social”, rematou Ana González Abelleira.