Regresan as Aulas Abertas para este Nadal
O vindeiro día 13 de decembro abre o prazo de inscrición das Aulas Abertas para as vacacións de Nadal. A programación, segundo explicou Olga López concelleira de Benestar Social, permitirá ás familias lucenses compatibilizar as súas obrigas laborais co período non lectivo.
Benestar Social ofrece un total de 120 prazas para o Nadal, explicou a Concelleira, ao tempo que explicou que as Aulas Abertas de desenvolverán en dúas quendas: unha primeira os días 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e outra os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro. É dicir hai 20 prazas por centro e por quenda.
As familias interesadas poderán presentar a súa solicitude do 13 ao 15 de decembro, ambos os dous días incluídos, ben de xeito presencial, entre as 09:00 e as 13:00 horas no centros de convivencia Uxío Novoneyra e Milagrosa, ben a través do enderezo electrónico aulasabertas@lugo.gal. As solictudes poderanse descargar a través da páxina web do Concello de Lugo, dentro do apartado Animación Sociocultural a partir das 09.00 horas do día 13.
As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición e o listado de persoas admitidas publicarase o día 20 de decembro. A matrícula deberá formalizarse entre os días 21 e 22 de decembro, cubrindo o formulario modelo 603 de pago de taxas , efectuando o abono da mesma e entregando o xustificante no centro de convivencia correspondente.