Remata a concentración parcelaria en San Xiao de Mos, Castro

TerraChaXa | LugoXa
Deuse hoxe por rematada a concentración parcelaria de San Xiao de Mos, en Castro, coa entrega dos 435 títulos de propiedade a 262 veciños.
entrega parcelaria san xiao de mos castro
29 Mar 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e pola directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, deu hoxe por rematada a concentración parcelaria de San Xiao de Mos, no concello lugués de Castro de Rei, coa entrega dos 435 títulos de propiedade a 262 veciños.

Así, o conselleiro sinalou que a reorganización da terra nesta zona permitiu pasar de 1.687 predios a 435 fincas, o que supuxo un incremento considerable da superficie media por predio. Neste senso, pasouse de 2.600 m² a case 10.000 m² por parcela, o que lle permite ás explotacións da zona ver incrementada a súa base territorial e minimizar os seus custos de produción.

Neste senso, José González subliñou que a Consellería investiu neste proceso algo máis de 1,5 millóns de euros e advertiu que, só para este ano 2021, a Xunta destina máis de 12 millóns de euros para seguir avanzando nos 96 procesos que a día de hoxe permanecen abertos. Nesta liña, asegurou que o Goberno galego aposta e confía nestes procesos de concentración para mellorar a estrutura da propiedade.

A entrega de hoxe súmase ás xa realizadas nos concellos de Touro e Coristanco, na provincia da Coruña, de Riotorto, na de Lugo, e de Baltar, na de Ourense. Ademais, José González anunciou que nas vindeiras semanas seguiranse rematando máis procesos de concentración parcelaria, coa previsión de entregar outros 2.500 títulos de propiedade a 1.300 veciños.

Novas parcelarias

O conselleiro do Medio Rural lembrou que a Xunta adquiriu o compromiso de decretar novos procesos por cada unha das parcelarias rematadas. Así, José González destacou que se veñen de declarar -precisamente nesta mesma provincia- dous novos procesos no concello de Outeiro de Rei.

Ademais, está a exposición pública -no Diario Oficial de Galicia- o estudo previo de iniciación doutros dous novos procesos en Viladonga, neste mesmo concello de Castro de Rei, e en Seoane da Pregación, no municipio de Friol; ademais dun terceiro en Poulo, na localidade coruñesa de Ordes. A estes tres procesos, anunciou o conselleiro, sumaranse no prazo aproximado dun ano outras 23 novas parcelarias en Galicia.

Estas novas reestruturacións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Ademais, a través da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, arestora en tramitación no Parlamento galego, seguiranse impulsando estes procesos á vez que se apostará tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Información xeorreferenciada

Ademais, cabe sinalar que se pon a disposición de todos os interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada das novas fincas resultantes da concentración parcelaria na páxina web da propia Consellería (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos).

Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral. Isto permite dar unha maior seguridade aos datos de ubicación, delimitación e superficie dos predios que sexan obxecto do tráfico xurídico posterior á concentración parcelaria.

Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei Hipotecaria e no texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, trala súa reforma pola Lei 13/2015, do 24 de xuño, como sistema de coordinación entre o Catastro Inmobiliario e o Rexistro da Propiedade, facilitando a incorporación da descrición gráfica xeorreferenciada.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18590092658997