Remata a instrución que decreta o peche cautelar do bar As Palmeras 12 meses
Rubén Arroxo asinou o decreto que aplica a medida, despois de que se cumpliran os prazos administrativos do expediente sancionador.
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o Concello de Lugo vén de completar a instrución do expediente sancionador aberto ao bar As Palmeras, ubicado na rúa Tui, decretando o peche cautelar da instalación por un prazo de 12 meses, despois de valorarse as distintas deficiencias atopadas polas inspeccións realizadas polos servizos técnicos municipais. Arroxo afirmou que “agardamos que esta medida mellore a convivencia na zona, dado que este local é actualmente un dos maiores focos de conflictividade de Lugo”.
A medida foi anunciada pola Tenencia de Alcaldía o pasado 17 de marzo, e onte o Tenente Alcalde asinou o decreto obrigando ao peche do local, unha vez se completaron os prazos legais de reclamacións, segundo o marcado nas leis 9/2013 do 27 de decembro, de emprendemento e competitividade económica de Galiza e 10/2017 do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galiza.
Rubén Arroxo afirmou que “seguimos traballando para garantir a seguridade nas rúas de Lugo e solucionar os problemas de convivencia que poidan existir nos diferentes puntos da cidade”