Remata a renovación da rúa Luís Seoane
As obras de renovación da rúa Luís Seoane xa están rematadas e nas vindeiras semanas instalaranse as novas xardineiras para que a veciñanza poida desfrutar desta nova zona de paseo según anunciou o tenente alcalde Rubén Arroxo.
“Trátase dun proxecto importante para a mellora estética do barrio da Milagrosa, no que apostamos polo modelo de plataforma única con preferencia peonil, un modelo que xa está a funcionar noutras rúas estreiras como a rúa Sanxillao ou en Fingoi”, explicou o tenente alcalde..
A solución aplicada pola Tenencia de Alcaldía eliminou as barreiras arquitectónicas da rúa, creando unha serie de espazos de relación e descanso que permiten o desfrute da zona por parte da veciñanza, potenciando o carácter vivo da rúa ao longo do día. Estes espazos de relación dotaranse nas vindeiras semanas de mobiliario urbano como bancos e papeleiras, xerando pequenas prazas que favorezan o caracter peonil do conxunto. Ademais, mantivéronse as árbores existentes na súa posición actual, garantindo zonas de sombra no verán.
Xunto coa transformación da rúa, renováronse tamén os servizos soterrados, como o alumeado, cuxa instalación se soterrou, e preparouse tamén o sistema de canalizado para facilitar o soterramento das instalacións de electricidade e telefonía.
A renovación do alumeado público permitiu dar un paso adiante na implantación de luminarias LED, que contan con consumos inferiores ás luminarias instaladas actualmente, e terán unha tonalidade máis agradable que a actual. Rubén Arroxo explicou que “o novo alumeado mellora a seguridade da zona, ao contarse cun novo alumeado máis uniforme, ao mesmo tempo que se mellora a estética da zona e se reduce o consumo enerxético”. A área de Mobilidade e Infraestruturas investiu 388.429,75€ nesta actuación.