Remata a segunda fase da peonalización da rúa Isaac Díaz Pardo, no barrio de Recatelo
O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro Alexandre Penas, responsable de Infraestruturas Urbanas, visitaron o barrio de Recatelo, onde veñen de rematar os traballos da segunda fase da renovación integral da rúa Isaac Díaz Pardo. Rubén Arroxo declarou que esta actuación completa “unha fase importante da renovación integral do barrio de Recatelo, avanzando na creación dunha zona peonil que comunica o centro da cidade co Parque de Rosalía, e mellorando as instalacións públicas e a calidade de vida das veciñas e veciños”.
As obras que veñen de rematar consisten no segundo treito da obra, localizada entre as rúas Avelino Pousa Antelo e Cidade de Viveiro, “un treito que por cuestións orzamentarias non puido incluírse na primeira fase das obras”, explicou o concelleiro de Infraestruturas. Renovouse o saneamento e da recollida de augas pluviais, ademais das instalacións de alumeado e telecomunicacións. A nova pavimentación da continuidade aos treitos xa peonalizados na primeira fase, e conta tamén con novo alumeado público.
Arroxo lembrou tamén que a Tenencia de Alcaldía continuará nos vindeiros meses realizando actuacións no barrio, como a renovación do Carril dos Loureiros, tal e como se acordou coa veciñanza, onde se habilitará unha plataforma única “que nun futuro poderá ser peonil”, ademais da renovación do muro de Frei Plácido Rei Lemos, que foi apuntalado a finais do ano pasado, e do que se realizará unha actuación integral de renovación.