Remata a XXII edición do Circuíto Corre con Nós
A XXII edición do Circuíto Corre con Nós celebrará este domingo a súa última quenda no entorno do Parque de Frigsa cunha proba na que se agarda a participación de 600 atletas. A inscrición total para o Corre con Nós este ano alcanzou as 1775 persoas, consolidando así as cifras en ascenso das últimas tempadas.
Ao respecto, o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos; fai un balance positivo desta edición do circuíto e destaca “a satisfacción que nos produce a resposta tan positiva que ten o Corre con Nós, o único circuíto de carreiras populares gratuíto de Galicia”. Bustos agradece o “apoio de todas as marcas patrocinadoras, que, xunto co compromiso sostido dende Deportes nos últimos 22 anos con estas probas, fai delas unhas das carreiras de maior aceptación dentro do calendario”.
O percorrido, sobre superficie de asfalto, transitará polo interior do Parque de Frigsa e as inmediacións da Avenida Duquesa de Lugo e terá a súa saída e meta diante do Complexo Polideportivo de Frigsa. A partir das 11.30 horas e ata as 13.30 horas o tráfico da Avenida Duquesa de Lugo, no tramo paralelo ao Parque de Frigsa, será dirixido e controlado polo Servizo de Policía Local. A marxe dereita en sentido ao Polígono O Ceao estará dividida por conos para facilitar a circulación nos dous sentidos, mentres que a outra marxe estará cortada e dedicada o desenvolvemento da proba de Adultos.