Remata coa entrega de diplomas o obradoiro Castro VII

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Xunta entregou os diplomas do obradoiro O Castro VII, que se desenvolveu en Ribeira de Piquín, A Pastoriza, Riotorto, Pol e Castroverde..
entrega diplomas obradoiro castro vii ribeira de piquin
18 Jul 2022

A Xunta de Galicia entregou hoxe os seus diplomas aos 20 alumnos do obradoiro de emprego O Castro VII, que se desenvolveu durante os últimos nove meses nos concellos de Ribeira de Piquín, A Pastoriza, Riotorto, Pol e Castroverde.

A xefa territorial en Lugo da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Pilar Fernández, participou no acto xunto cos respectivos alcaldes. Explicou que o taller impartiu a especialidade de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e os participantes poderán acreditar esta formación cun certificado de profesionalidade que ten validez en toda España.

Apuntou que os obradoiros teñen un dobre atractivo, xa que constitúen unha ferramenta idónea para axudar á inserción laboral de persoas desempregadas en sectores con demanda por parte das empresas, ao tempo que realizan obras e servizos de interese público nos concellos promotores.

Así, en Ribeira de Piquín aplicaron tratamentos silvícolas en camiños forestais como os de Outariz e Vilarpescozo (en Santalla); Os Cangos-Muxén e Os Vaos-Cartea (na parroquia dos Vaos). Na Pastoriza traballaron na senda de Maeloc de Bretoña; a área recreativa da praia fluvial de Baltar; o campo da festa da Lagoa; zonas verdes na Rigueira e nun camiño de Cadavedo.

Pola súa banda, en Riotorto actuaron en camiños do Caboxo e As Rodrigas e na aliñación de aligustres da rúa Alcalde Castrín. En Pol interviron en camiños de Valincovo (Milleirós), Hermunde e no de Susá-Landriz (Valonga). Por último, en Castroverde realizaron tratamentos de conservación no carballal de Furís.

Contratos en empresas
O financiamento da Xunta inclúe incentivos para contratar a catro das persoas participantes en empresas da contorna e de sectores relacionados coas especialidades impartidas, por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten pendente de resolución a nova convocatoria de axudas a concellos para poñer en marcha obradoiros de emprego, que este ano incrementa o seu orzamento nun 20% aproximadamente. Ademais, nesta edición amplíase a duración ata os doce meses -actualmente son nove-.

0.14011907577515