Remata coa entrega de diplomas o obradoiro de emprego Lugo Sostible 5.0
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, e o delegado territorial da Xunta de Galicia, Javier Arias, participou este venres no acto de clausura do obradoiro dual de emprego Lugo Sostible 5.0, que acolleron as instalacións municipais do CEI Nodus.
A rexedora fixo entrega dos diplomas e felicitou aos 17 alumnos e alumnas que completaron a súa formación no ámbito das TIC’s, o marketing e a comunicación, “áreas cunha elevada demanda de profesionais, polo que o obxectivo é favorecer o seu acceso ao mercado laboral, contribuíndo a xerar novos postos de traballo no municipio”.
Neste senso, Méndez lembrou que “con esta iniciativa buscamos mellorar a ocupabilidade de persoas que se atopaban desempregadas, a través da cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral, ao tempo que se dota ás e aos participantes de coñecementos e destrezas profesionais adaptadas ás necesidades do mercado actual”.
O obradoiro, que se desenvolveu durante o último ano, contou con tres especialidades formativas: Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web; Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos; e Xestión de marketing e relacións públicas. A alcaldesa destacou que “ao tempo que recibiron formación nestes eidos, os e as participantes desenvolveron un intenso traballo para poñer en valor e promocionar a cidade sustentable que somos, con ferramentas dixitais e contidos multimedia interactivos e audiovisuais”.
Pola súa banda, Mauricio Repetto lembrou que o alumnado, de entre 26 e 69 anos, estivo retribuído co salario mínimo interprofesional. “Agora, trala finalización do obradoiro recibirán un certificado de profesionalidade de Nivel 3, que garante que se atopan en condición de incorporarse ao mercado laboral para ocupar postos de traballo vencellados coa imaxe, a edición dixital, o desenvolvemento de aplicacións multimedia, o desenvolvemento de aplicacións web, a xestión de eventos promocionais, deseño de estratexias de marketgin, etc.”, explicou.
Para facilitar esta incorporación ao mercado, o Concello puxo en marcha incentivos para a contratación do alumnado en empresas do municipio, a través de axudas de 1.500 euros financiadas pola Consellería de Promoción do Emprego. Grazas a estes incentivos xa se facilitou a inserción laboral de 2 alumnos nunha empresa afincada no polígono do Ceao.
“Promovemos, deste xeito, dende o Concello, unha formación con futuro, con saídas laborais, e o facemos, ademais, dun xeito que resulta triplemente atractivo para a poboación, en tanto lles permite ter uns ingresos mensuais mentres adquiren coñecementos en áreas cun importante nicho de mercado, ao tempo que facilitamos a súa contratación posterior”, lembrou o edil de Dinamización Económica, área dende a que se organizou o obradoiro.