Remata cunha gran gala en Lugo o EnRedando co Galego

LugoXa
Remata o segundo Enredando co Galego. Os estudantes participantes de catro centros de ensino de Lugo participaron na gala final.
EnRedando co Galego
16 Xuño 2022

O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo e a edil de cultura, Maite Ferreiro, participaron hoxe na gala final do EnRedando co Galego. A iniciativa levouse a cabo durante os meses de abril e maio e contou coa participación de estudantes dos IES Muralla Romana, Ánxel Fole, Ollos Grandes e Leiras Pulpeiro.

Maite Ferreiro explicou que “co Enredando co Galego queremos promover o uso do galego entre a mocidade, e promover a creación literaria e artística a través da lingua”.

As rapazas e rapaces participantes puideron desfrutar dunha xornada festiva presentada por Lois Pérez, e que contou coa actuación musical de Sés, unha das artistas de maior éxito na Galiza polo seu carisma e discurso, así como pola forza e calidade das súas cancións.

Na gala celebrada hoxe, a mocidade participante ralizou un intercambio de experiencias, e recibiron un agasallo pola súa participación, ademais de participar no sorteo de agasallos de material electrónico e lotes de libros.

Durante 21 días, as estudantes participantes puideron escoller dúas experiencias distintas: unha inmersión lingüística, compartindo nas redes sociais as súas reflexións sobre o proceso ou unha experiencia de creación literaria e artística, na que crearon obras literarias en galego en formato escrito e dixital, que foron enviadas á Escola de Escritoras e Escritores da AELG.

As participantes na modalidade de creación literaria. Durante todo o día, mantiveron o pasado martes un encontr con Xesús Fraga, Premio Nacional de Literatura, e con Yolanda Castaño, unha das poetas con máis traxectoria internacional dentro do ámbito galego e estatal.

Maite Ferreiro destacou a importancia do ciclo Enredando co Galego, como "un punto de encontro para que o estudantado de Lugo poida intercambiar opinións, establecer novos lazos e coñecer a persoas coas súas mesmas inquedanzas, ao mesmo tempo que acadan unha mellor competencia en galego e fan chegar a nosa lingua a lugares nos que moitas rapazas e rapaces non contaron con ela".

0.19234108924866