Remata en Rozas o V Congreso Internacional Aeronáutico e Aeroespacial

TerraChaXa | LugoXa
Remata o V Congreso Internacional Aeronáutico e Aeroespacial, promovido pola Xunta e o Consorcio Aeronáutico Gallego (CAG),
congreso polo rozas aeroespacial
15 Feb 2023

O talento, unha maior cooperación entre empresas para acadar máis capacidade de investimento privado e a sustentabilidade como oportunidade e elemento diferenciador son tres dos grandes retos da industria aeronáutica e aeroespacial segundo o informe de análise económica do sector e o seu sistema de valor elaborado no marco do Observatorio Galego da Industria Aeroespacial.

O Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) foi escenario onte do V Congreso Internacional Aeronáutico e Aeroespacial promovido pola Xunta de Galicia e o Consorcio Aeronáutico Gallego (CAG) que dá continuidade á xornada monográfica sobre o Polo Aeroespacial de Galicia celebrada onte no mesmo emprazamento.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou na clausura deste evento que o sector privado galego debe liderar os vehículos e sistemas non tripulados en España e fóra dela, aproveitando os apoios da Administración autonómica e das convocatorias nacionais e europeas e transformalos en contratos, en novos investimentos en innovación e industriais e en emprego.

No congreso presentáronse os tres primeiros informes do Observatorio Galego da Industria Aeroespacial, relativos á análise económica do sector, á análise da cadea de valor en Galicia e a súa integración nas cadeas de valor nacionais e internacionais nos ámbitos civil e de defensa e ao financiamento da I+D no segmento dos sistemas non tripulados na Unión Europea.

Durante o congreso, púxose en valor a importancia do investimento público, que atrae investimento privado e empresas tractoras, como é o caso da Civil UAVs Initiative, e destacouse o labor de promoción dos sistemas non tripulados realizada pola Xunta de Galicia que supuxo a consolidación deste segmento na Comunidade, propiciando a creación de empresas cun forte potencial de crecemento no deseño, operación e explotación de sistemas aéreos non tripulados.

Tamén se analizou o potencial das solucións deseñadas no Polo Aeroespacial para ser exportadas, nun futuro próximo, nacional e internacionalmente; así como de proxectos como o U-Space para facer do espazo aéreo europeo un complexo ecosistema no que coexistan en harmonía todo tipo de aeronaves, poñendo especial foco na convivencia segura e eficiente de avións tripulados e drons.

Máis de 150 representantes de empresas líderes da industria aeronáutica e aeroespacial galega, pemes, centros de coñecemento e empresas tractoras como Airbus, Babcock, Telespazio, Boeing ou Indra participaron nestes dous eventos, que constituíron citas clave para avanzar no coñecemento dos proxectos que se están a desenvolver en Galicia así como para consolidar a colaboración entre os diferentes axentes do sector.

0.12325596809387