Remata o Máster de Futbolín de Rábade con récord de participación
Rematou en Rábade unha nova edición do Gran Máster Nacional de Fútbolín, no que é a súa XXIV edición, e que rexistrou un novo récord de participación con máis de 278 parellas vidas desde distintos puntos da xeografía peninsular e con destacados xogadores.
Un ano máis o colectivo Bola Meiga, organizador do evento, logrou converter a Rábade na capital do futbolín durante a celebración da Semana Santa e durante tres días de intensa competición. Ademais, xa están preparando unha das edicións máis esperada, a de 2024, xa que será o 25 aniversario do torneo.
Nesta ocasión foron 224 parellas na categoría de movemento, 186 na de parado e 22 na feminina, que se repartiron os 12.000 euros en premios, un incremento sobre edicións anteriores.
A parella formada polo castellonense Toni e o mallorquín Palomo foi a gañadora na categoría movemento mentres que os pontevedreses Tomás e Barciela alzáronse co título en parado e Iván (Melide) e Jonny (Sarria) en combinada. En mulleres, o trofeo foi para a leonesa Andrea e a asturiana María.
Outros premios destacados da sesión foron o que se levou Futbolín Melide, coa peña con máis participantes; Suso Castro como mellor xogador lucense e o barcelonés Eric Floria, de 9 anos, como o máis novo.