Remata o obradoiro compartido entre Guntín, O Corgo e O Páramo
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo entrega dos diplomas ás 20 persoas que remataron a súa formación no obradoiro de emprego Ponte de Areas VI. No acto tamén participaron os alcaldes do Páramo, José Luis López, e O Corgo, Felipe Labrada, e a alcaldesa de Guntín, María José Gómez.
O obradoiro de emprego foi promovido polos citados concellos e financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 504.000 euros. Arias explicou que hai uns días púxose en marcha a sétima edición do obradoiro, que suporá “oportunidades laborais para máis persoas desempregadas e novos proxectos de mellora de espazos públicos”.
Os obradoiros de emprego ofrecen formación teórica e práctica a traballadores desempregados a través dun contrato dun ano de duración, ao tempo que desenvolven obras e servizos de interese social.
Neste sentido, Arias subliñou que as dúas propostas que se suceden nos tres concellos están relacionadas con actividades auxiliares da construción, e suman un investimento de máis dun millón de euros e media ducia de obras de mellora en espazos públicos.
Obras realizadas
O alumnado do obradoiro que agora remata formouse na especialidade de Operacións de revestimentos continuos en construción. No concello do Páramo traballaron na rehabilitación dunha vivenda en en Piñeiro para alugamento social, no acondicionamento das fontes de Ardeverde, Beleigan e Outeiro, e na instalación da fonte ornamental na praza de acceso ao centro social.
No municipio do Corgo reformaron o interior da cámara agraria para oficinas de servizos sociais do Concello, mentres que en Guntín fixeron obras de rehabilitación do edificio da Garda Civil e dotaron de aseos ao alpendre municipal para apeiros agrícolas.