Remata o pintado dos aparcamentos en Mestre Soutullo
As obras do pintado das prazas de aparcamento na rúa Mestre Soutullo, paralela a Marqués de Ombreiro, finalizaron xa. Con estas actuación, que foi un compromiso da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, coa veciñanza do barrio, sinalizáronse 40 prazas en toda a rúa, gañando seis con respecto ás existentes e habilitouse, así mesmo, unha praza máis para vehículos de emerxencias.
Neste senso, na marxe dereita da calzada o estacionamento será en batería, mentres que na marxe esquerda, será en espiga cun ángulo de 60º.
Desta maneira, a rexedora da resposta á demanda de aparcamento na contorna da senda verde ciclista que se está a executar en Marqués de Ombreiro, onde finalmente se acadaron máis dun centenar de prazas de estacionamento tras manter os espazos actuais, solución que foi consensuada pola rexedora coa veciñanza nunha reunión que mantivo con eles o pasado xullo para escoitar e atender as súas preocupacións.
Froito desta xuntanza, acordouse tamén realizar o repintado de Marqués de Ombreiro que pasou a ser dun único sentido de circulación, desde a rúa que baixa desde Avenida das Américas (fronte ao Mercadona) ata a rúa Músico Falla, en sentido descendente cara ao río. Así, o carril eliminado permitiu manter as prazas de aparcamento en paralelo ao carril bici, que antes se suprimían, mentres que a reordenación do tráfico de subida realizouse pola rúa Músico Falla ata Avenida das Américas. Hai uns días, Lara Méndez e o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, acudiron a ver a evolución desta obra, na que aínda se está a traballar.
Esta solución permite tamén manter a seguridade dos ciclistas, que é unha das máxima do proxecto impulsado pola alcaldesa na creación dos 14 quilómetros de carril bici xa que o obxectivo é que a cidadanía o utilice como alternativa de transporte sostible ao vehículo no día a día, e non só para facer deporte.
A senda verde ciclista é un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polo FEDER. A través desta iniciativa, preténdese cambiar a mobilidade da cidade para crear alternativas saudables, recuperando espazos para os peóns e as bicicletas e reducindo o uso dos vehículos particulares para acadar un modelo de urbe sostible e moderna, como marca a Unión Europea e como fixan os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Así mesmo, busca unir 8 barrios da cidade entre si e os mesmos coa contorna do Miño, para que os e as lucenses deixen de vivir ás costas do enclave fluvial, unha das máis importantes demandas cidadás. En total, serán 14 quilómetros de percorrido que se executarán na zona DUSI, e que se estenderán en vindeiras fases cara outras zonas como a universitaria.