Rematadas as obras na igrexa de San Pedro de Lugo
Rematadas as obras na igrexa do mosteiro de San Francisco de Lugo, actual igrexa de San Pedro. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, xunto ao bispo da Diocese de Lugo, Alfonso Carrasco, visitaron o resultado final da maior actuación de restauración feita pola Xunta nun Ben de Interese Cultural.
Na presentación, Román Rodríguez, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, celebrou que a actuación da Administración autonómica permita que un dos bens máis sobranceiros do patrimonio lucense “teña unha nova vida despois de máis de 700 anos da súa construción”. “Estamos ante unha das igrexas máis significativas de Galicia pola súa calidade arquitectónica e artística e, polo tanto, ante un ben de especial importancia tanto para Lugo como para toda a Comunidade”, engadiu. O acto contou ademais coa actuación musical do cantante Roi Casal.
Neste senso, o conselleiro destacou que a cidade da Muralla conta cun importante legado histórico e patrimonial “co que estamos fortemente comprometidos e no que debemos seguir actuando para garantir a súa mellor conservación”.
A meirande parte da intervención feita na igrexa de Lugo centrouse na eliminación das patoloxías existentes no ben e vencelladas coa filtración de auga na zona da cuberta, nos muros exteriores ou na cabeceira do templo. Ademais, o proxecto completouse coa restauración dos elementos decorativos máis singulares que caracterizan á igrexa como a portada histórica, o rosetón sur, a cornixa de molduras pétreas, o artesoado, os vanos góticos e contrafortes das capelas da cabeceira ou en elementos escultóricos como a cruz florenzada ou o Agnus Dei.
Para conseguilo, os técnicos implicados nesta intervención fixeron un estudo previo no que comprobaron o estado do templo para, posteriormente, iniciar un proceso minucioso de restauración e consolidación no que se solucionaron problemas estruturais e de acceso de pluviais ao tempo que se mellorou a capacidade higrotérmica e se fixeron recuperación puntuais de policromía.
Para poder desenvolver os traballos necesarios, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Lugo para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta igrexa do mosteiro de San Francisco de Lugo.
CARACTERÍSTICAS
A igrexa de San Pedro está protexida polo seu valor cultural ao ter a consideración de ben de interese cultural (BIC), coa categoría de monumento desde xuño de 1931. A data da súa construción sitúase na metade do século XIV e está vinculada ao bispo Pedro López de Aguiar, que desenvolve unha gran actividade construtiva xa que, ademais de iniciar a súa construción, intervén na fundación do convento das dominicas da Nova (1363) e a construción da capela de San Froilán na Catedral.
A planta da igrexa de San Pedro é de cruz latina dunha soa nave de cinco tramos e cruceiro con cuberta de madeira e cabeceira de tres ábsidas poligonais con bóvedas de cruzaría. A súa construción reflicte a influencia do estilo ourensán, ademais de ser orixe dun taller específico lucense como consecuencia da actividade construtiva simultánea na catedral e nos conventos mendicantes.