Rematan as obras da central de biomasa do complexo sociosanitario do barrio Residencia

LugoXa
A Xunta rematou as obras de construción da central de biomasa que subministrará enerxía ao complexo sociosanitario do barrio da Residencia
Central biomasa residencia
3 Abr 2023

Rematan as obras de construción da central de biomasa que subministrará enerxía ao complexo sociosanitario do barrio da Residencia. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitaron hoxe as instalacións e confirmaron que só resta incorporar algún equipamento, como cargadores e material hidráulico, que chegará en 15 días.

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación investiu máis de 1,4 millóns de euros nesta actuación (1.411.243 €), que servirán para atender as necesidades enerxéticas dos novos edificios proxectados pola Xunta no barrio da Residencia: o centro integral de saúde, que será o primeiro en poñerse en marcha nas vindeiras semanas; a nova residencia para persoas maiores con 120 prazas públicas, a aceleradora aeronáutica e a oficina de emprego e formación.

A planta de biomasa está situada na esquina suroeste da parcela da antiga residencia, na confluencia entre as rúas Serra de Outes e Orquídea, nunha parcela que estará unida co barrio e que contará con máis espazos verdes, dado que a central vai soterrada para ter o menor impacto posible na contorna.

O proxecto da planta de biomasa depende do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que pon de manifesto as vantaxes medioambientais deste modelo de enerxía limpa e asegura que non se causarán molestias aos veciños e veciñas, xa que conta cos filtros e mecanismos precisos para evitar po, malos olores ou calquera outro inconveniente. A subministración farase con camións de caixa pechada, que descargarán en silos de almacenamento dentro da sala de caldeiras.

Igualmente, instálanse 64 paneis fotovoltaicos para fornecer a enerxía eléctrica para autoconsumo da propia sala de caldeiras e incluso no futuro para algún edificio administrativo ou novos servizos que se implanten no barrio. Ademais, está prevista a instalación de dous puntos de recarga para vehículos eléctricos.

0.17151498794556