Rematan as obras da CHMS en Serra de Meira, no Concello de Lugo

LugoXa
Esta actuación non só resolve os problemas de inundación da zona, senón que impulsa o Plan Paradai e supón un gran avance no desenvolvemento urbanístico do barrio
Obra-rematada-Serra-de-Meira-Lugo
28 Feb 2025

O Concello de Lugo recibiu oficialmente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) a obra destinada a reducir o risco de inundacións do río Rato na contorna da glorieta da rúa Serra de Meira.

Esta intervención, que supuxo un investimento de case 597.000 euros por parte da CHMS e duns 177.500 euros a cargo do Goberno Local, foi valorada moi positivamente tanto pola alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, como polo presidente do Organismo da Cunca, José Antonio Quiroga.

Ambos destacaron que esta actuación non só resolve os problemas de inundación da zona, senón que impulsa o Plan Paradai e supón un gran avance no desenvolvemento urbanístico do barrio.

As obras, iniciadas a finais do pasado mes de xuño, cumpren o obxectivo de atallar as crecidas do río Rato, especialmente na rotonda de Serra de Meira.

Coa finalización da obra de ensanche en Serra de Meira, o Concello e a CHMS cumpren co compromiso adquirido coa veciñanza para o desenvolvemento do Plan Paradai. Agora, queda pendente a renovación e ampliación da rúa, un proxecto que depende da Xunta.

Segundo indicou Alvarellos, os técnicos municipais xa confirmaron que a adaptación da infraestrutura viaria entre a glorieta de Serra de Meira e a avenida Adolfo Suárez non require modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, polo que non existen impedimentos para que as fases restantes se executen con prontitude.

Detalles da intervención no río Rato

Para levar a cabo estas melloras foi necesario expropiar cinco parcelas, cunha superficie total de 1.336 metros cadrados, dos que 330 foron afectados de forma permanente e os restantes 867 ocupáronse temporalmente.

A actuación incluíu a limpeza, adecuación e ampliación do leito do río en dous metros de ancho, aumentando a capacidade de desaugadoiro nun tramo de 165 metros augas arriba do soterramento do río Rato.

Ademais, demoleuse o muro da marxe dereita do río, cuxa cantería foi desmontada e reutilizada para construír un novo muro.

Segundo indicou José Antonio Quiroga, está previsto que no mes de marzo, cando as condicións meteorolóxicas sexan máis favorables, se leve a cabo a limpeza do noiro e da zona axardinada contigua ao paseo empedrado.

Ademais, procederase á plantación de diversas especies vexetais para completar a recuperación paisaxística e medioambiental da contorna do río, garantindo as melloras non só a nivel infraestrutural senón tamén ecolóxico.

Con estas actuacións, o Concello de Lugo e a CHMS dan un paso determinante para a seguridade, a calidade de vida e o desenvolvemento urbanístico da zona, avanzando cara a unha cidade máis sostible e ben estruturada.

⚙ Configurar cookies
0.1100549697876