Rematan as obras de accesibilidade no Concello de Rábade

A Xunta de Galicia destinou preto de 34.000 euros ao Concello de Rábade para o acondicionamento de varias dependencias e para facilitar a accesibilidade no interior da Casa Consistorial. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado dos traballos, que están a piques de rematar e foron financiados pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes nun 70% mediante o programa de axudas para infraestruturas de uso público.
As obras consistiron na instalación dunha cadeira eléctrica “salvaescaleiras” para facilitar o acceso de persoas con mobilidade reducida ao segundo andar do edificio. Así mesmo, acondicionáronse dúas estancias para oficinas e unha sala de reunións, incluíndo a execución dos tabiques e do sistema eléctrico.
Arias subliñou que a colaboración da Xunta cos concellos “tradúcese en servizos máis eficientes e inclusivos para a cidadanía”. De feito, apuntou, este plan de apoios prioriza explicitamente a adaptación dos edificios municipais para garantir que resulten accesibles, en liña coas necesarias condicións básicas de non discriminación exixibles nas renovacións dos espazos públicos existentes.
O programa da Consellería de Presidencia tamén financia obras sobre espazos públicos como parques, paseos, prazas ou rúas; reformas de dotacións deportivas ou traballos destinados a modernizar ou incrementar a eficiencia enerxética de instalacións públicas de titularidade municipal, entre outras actuacións.