Rematan as obras de humanización do barrio do Carme

LugoXa
Alén da reforma, tamén se renaturalizou o espazo coa plantación de novas especies vexetais e arbustivas, e se humanizou con novo mobiliario urbano para mellorar o confort na zona.
20 Dec 2023

Alén da reforma, tamén se renaturalizou o espazo coa plantación de novas especies vexetais e arbustivas, e se humanizou con novo mobiliario urbano para mellorar o confort na zona.

O barrio do Carme continúa a transformación iniciada pola rexedora Lara Méndez no pasado mandato para poñer en valor e recuperar esta zona emblemática da cidade tanto no aspecto urbanístico, como arquitectónico, económico e social. A alcaldesa inaugurou este mércores as obras de peonalización e humanización da praza e rúa do Carme, actuación que mudou por completo a faciana deste espazo público.

Méndez anunciou así mesmo, a apertura oficial da Cloaca Romana, situada no semisoto da Sala de Exposicións Porta Miñá, unha infraestrutura con preto de 1.700 anos de antigüidade, que será visitable e accesible, logo da finalización dos traballos de recuperación e musealización postos en marcha polo executivo municipal.

“Ambas actuacións enmárcanse na estratexia que temos en marcha para recuperar e poñer en valor a zona do Carme, uníndose á mellora xa realizada no propio Camiño Primitivo e na Vía Romana XIX, coa que impulsamos a transformación completa do barrio, que sufría un elevado grado de deterioro, posibilitando a súa dinamización económica e social”, explicou a rexedora.

Alén da reforma que experimentou a súa urbanización, coa peonalización e eliminación de barreiras arquitectónicas, tamén se renaturalizou o espazo coa plantación de novas especies vexetais e arbustivas –65 sebes de teixos baixos, 45 xasmíns para embelecer o muro da Rolda da Muralla, 8 Robinias ao longo da rúa do Carme, 287 m² de céspede rústico de gramíneas e 10 m² de parterres con flor de tempada que ornamentarán a zona axardinada–, e se humanizou con novo mobiliario urbano para dotar de maior confortabilidade todo o espazo ao tempo que se mellorou a súa iluminación, atendendo a criterios de seguridade vinculada coa perspectiva de xénero.

Deste xeito, Méndez lembrou que “con esta obra contribuímos a renaturalizar e humanizar esta contorna privilexiada nun barrio que queremos que sexa outro referente para a nosa cidade e no que apostamos firmemente por un crecemento sostible e un deseño adaptado aos estándares urbanísticos do século XXI, blindando así o futuro do noso patrimonio e posibilitando, ademais, fixar nova poboación nesta zona de enorme valor patrimonial”.

Este proxecto estratéxico pon en valor a entrada ao Centro Histórico, un punto no que conflúen dous Patrimonios da Humanidade: a Muralla Romana e o Camiño Primitivo; ao mesmo tempo que aporta calidade de vida á veciñanza e permite o desenvolvemento da zona como espazo residencial e comercial.

Ademais dos referidos traballos de peonalización e humanización, dotouse a esta zona dunha nova rede de abastecemento e saneamento, soterráronse os tendidos aéreos de baixa tensión e de telecomunicacións e instalouse un novo sistema de alumeado público. “O que, en conxunto, significa a modernización do Carme como espazo residencial e que, sen dúbida, permitirá dinamizar a iniciativa particular e incentivar a rehabilitación de vivendas”, apuntou Méndez.

A actuación complementouse coa recuperación e posta en valor da Cloaca Romana, que agora será visitable por toda a cidadanía, co obxectivo de que tanto a veciñanza lucense como os turistas e visitantes poidan realizar unha viaxe ao mundo soterrado da cidade romana de hai 1.700 anos, coñecendo a cloaca orixinal en bo estado e na súa localización real.

A rexedora explicou que “esta dotación integrarase no discurso museolóxico da cidade cos outros restos arqueolóxicos e instalacións museísticas visitables en Lugo como parte dun único discurso da vida da cidade romana”. Neste senso lembrou que “a recuperación do noso pasado para poñelo en valor e que sexa unha parte fundamental da oferta turística lucense é unha das prioridades deste goberno municipal”.

A peonalización e humanización da praza e rúa do Carme e a recuperación da Cloaca Romana forman parte da Estratexia DUSI Muramiñae, cofinanciada pola UE a través do Feder. Ámbolos proxectos supuxeron un investimento total de 951.000 euros.

0.10475397109985